A Xunta anuncia que adquirirá a Torre de Caldaloba para unificar a propiedade

TerraChaXa
A Xunta vai adquirir a Torre de Caldaloba, en Cospeito, exercendo os dereitos que lle asigna a lei de Patrimonio cultural de Galicia
roza publica torre de caldaloba
4 Nov 2022

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vai adquirir a Torre de Caldaloba, en Cospeito, exercendo os dereitos que lle asigna o artigo 49 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio cultural de Galicia para a correcta protección dos Bens de Interese Cultural (BIC) como o citado.

A Xunta apostou desde o primeiro momento pola unidade de acción na rehabilitación e conservación da torre, e a vía para garantir o éxito neste obxectivo é que pertenza a un único propietario. Neste sentido, considera que a administración local, pola súa proximidade ao monumento, é a máis idónea para asumir esta función e desenvolvela da forma máis axeitada e sostible.

En consecuencia, a Consellería decidiu exercer o dereito de tanteo en beneficio do Concello de Cospeito en relación á adquisición do ben comunicada pola Deputación de Lugo; no caso de que acreditase a súa adquisición, a Xunta exercería o dereito de retracto, tamén recollido no artigo 49 da citada lei.

A Xunta comunica á Deputación a súa decisión en resposta ao escrito no que esta lle notificaba o acordo de compra da parcela onde se sitúa un pozo e a metade da torre, tomado no mes de agosto. A norma autonómica sobre patrimonio cultural obriga a que calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos Bens de Interese Cultural sexa posta en coñecemento da Xunta, para que poida exercer os dereitos de tanteo ou retracto se o considera necesario.

O Goberno galego explica que todos os predios que conservan restos do antigo castelo e conforman o seu contorno inmediato deben ter un único titular, cara a unha correcta conservación do monumento e para garantir, no futuro, a xestión do mesmo desenvolvendo da forma debida a visita pública, a conservación preventiva e o mantemento continuo do monumento e do seu contorno.

Asemade, entende que a adquisición conxunta dos predios e da construción declarada BIC permitiría que, unha vez depurada xuridicamente, esta construción poida ser incorporada ao Rexistro da Propiedade, o que podería non ser posible de non ter os predios e edificacións un único propietario, xa que as fincas rexistrais son definidas como unidade de solo ou de edificación atribuída de forma exclusiva e excluínte a un propietario ou a varios en proindiviso.

Solicitude anterior do concello

A decisión da Consellería de Cultura segue a liña das actuacións que viña desenvolvendo desde que en novembro do pasado ano o Concello lle comunicara tamén a súa intención de adquirir o monumento, o que levou á sinatura dun convenio polo que o Goberno galego achegaba 100.000 euros.

Ante os movementos das administracións provincial e local, os responsables autonómicos mantiveron a súa postura sobre a necesidade de dar unidade a este proxecto e traballar xuntos na posta en valor do ben. Ao respecto, manteñen a man tendida á Deputación Provincial para que colabore coa Xunta e o Concello nese obxectivo.

RESPOSTA DE VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN

En relación coa información distribuída pola Xunta de Galicia aos medios sobre a Torre de Caldaloba, a Vicepresidencia da Deputación manifesta que "non ten por agora constancia de que a Xunta de Galicia comunicara polo vía administrativa o exercicio do dereito de retracto sobre a parcela na que se ubica a Torre de Caldaloba".

Engade tamén que mantén firme "o seu compromiso" de incorporar a Torre de Caldaloba e a súa contorna ao patrimonio público para garantir a súa protección, recuperación e posta en valor.

Lembra que a Xunta de Goberno provincial aprobou o 29 de xullo a adquisición desta parcela, que se elevou a documento público o pasado 21 de outubro, dando por primeira vez en trinta anos un paso adiante na recuperación deste BIC para os galegos e galegas.

0.076472997665405