A Xunta anuncia que iniciará as obras da Avenida Terra Chá de Vilalba

TerraChaXa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá máis de 650.
9 Xan 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá máis de 650.000 euros no acondicionamento da travesía da antiga estrada LU-126, a avenida da Terra Chá, o vial transferido no ano 2010 á Administración local.

Esta intervención promove a mellora na travesía urbana que comunica o centro de Vilalba coa estrada LU-120, saída cara a Meira, con beirarrúas en ambas as dúas marxes, calzada de 7 m de ancho, e aparcadoiros a ambos os dous lados.

As actuacións proxectadas supoñerán tanto unha mellora do nivel de servizo da infraestrutura, coma unha optimización da seguridade viaria.

Máis en concreto, os traballos incluirán a renovación das beirarrúas que se atopan deterioradas e non son axeitadas desde o punto de vista da accesibilidade, a rehabilitación do firme da travesía, de algo mais 1 km, e o repintado da estrada. Ademais colocarase un tramo de novo colector de saneamento de 365 metros na marxe dereita do vial, dende a rúa Mondoñedo ao final da travesía, para evitar as filtracións que se veñen producindo na rede actual.

Segundo establece o convenio de colaboración, o Concello de Vilalba asume a obriga de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras obxecto deste convenio, redacción de documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas. E o departamento de Infraestruturas da Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume o compromiso de financiar os gastos de execución destas obras.

A actuación pretende garantir a seguridade viaria para os distintos usuarios e comparte os obxectivos Plan Move e do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2010.Con este intervención a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade trata de fomentar investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, coa finalidade dun desenvolvemento económico e social que achegue unha maior calidade de vida á cidadanía.

0.13856315612793