A Xunta anuncia que xa adiantou o pago do 100 % das axudas a zonas con limitacións naturais da PAC

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que a Xunta adiantou xa o pagamento do 100 % das axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) da Política Agraria Común (PAC) para áreas distintas de montaña para todo o que resta de período PEPAC (ata 2027). Salientou que o importe total pagado en decembro pasado aos beneficiarios galegos das zonas con limitacións naturais foi de case 25 millóns de euros. Así o manifestou nunha visita á Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Revolta, situada no concello lucense de Vilalba e que foi beneficiaria destas achegas.
Gómez, que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, remarcou que, como novidade con respecto a outros anos, o seu departamento adiantou xa o mes pasado a axuda asociada a ovino-cabrún e incrementou os pagos de ZLN, moi superiores aos de anteriores exercicios. Así, para áreas de montaña aboáronse 10,6 millóns de euros e para áreas distintas de montaña algo máis de 14 millóns de euros, o que supón pagar xa o 100 % destas últimas achegas para o período PEPAC.
As ZLN son áreas clasificadas dentro da PAC onde as explotacións agrarias afrontan desvantaxes naturais, como é o relevo accidentado ou dificultades climáticas. O obxectivo das axudas ligadas a estas zonas é compensar os custos adicionais e as perdas de ingresos e fomentar o uso continuado das terras, contribuíndo á preservación do medio rural e a produción sostible.
Con estes pagamentos, subliñou a conselleira, a Xunta cumpre os seus compromisos cos agricultores e gandeiros galegos, para os que estas axudas son esenciais, tanto na mellora da súa renda como para dotar de sustentabilidade ás súas explotacións. Por iso, incidiu en que cómpre unha PAC “forte e con orzamento suficiente para seguir cubrindo as necesidades do campo galego”.
Nesta liña, Gómez avanzou a convocatoria, a próxima semana, da primeira reunión da comisión de traballo específica sobre a PAC no seo do Consello Agrario, tal e como xa se avanzara na reunión deste órgano o pasado mes de novembro. Este traballo conxunto permitirá seguir afondando nesa fronte común en defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos.
A conselleira avogou tamén por unha PAC “cuns fondos diferenciados” que contemplen non só as axudas directas, senón tamén o desenvolvemento rural. Asemade, advertiu que “precisamos que os fondos da PAC non veñan nunha bolsa común”, onde outros sectores poidan tamén detraer recursos, senón que se precisa esa fortaleza “para que o agro siga sendo sustentable economicamente”. Cómpre lembrar, neste mesmo sentido, a preocupación que existe pola redución de fondos para Galicia de polo menos o 22 %, unha porcentaxe que se traduce en arredor de 80 millóns de euros anuais, segundo está deseñado inicialmente o Marco financeiro plurianual.
Polo tanto, concluíu Gómez, a Administración autonómica seguirá traballando en todas as instancias a prol dunha PAC ben dotada de orzamento e que continúe cumprindo a súa finalidade de apoiar a produción agroalimentaria de calidade e o desenvolvemento rural en Europa. “Así llo reclamamos en repetidas ocasións ao ministro de Agricultura -dixo- e así continuaremos reclamándoo tanto ao Goberno central como en Bruxelas”. Nesta liña, lembrou que “estes días estamos a ver en toda España e tamén en Galicia como os agricultores e gandeiros alzan a súa voz” para facer ouvir as súas reivindicacións neste mesmo senso.
A conselleira definiu a SAT Revolta, que conta con máis de 600 cabezas de gando, como unha explotación “de referencia” na contorna e valorou que as axudas da PAC lle permitiron manter a actividade e mellorar paulatinamente o seu funcionamento e competitividade, nunha iniciativa que salienta pola súa aposta polo muxido robotizado.