A Xunta apoia a Cohempo cunha axuda de 36.000 euros para dinamizar o comercio local das Pontes

TerraChaXa | FerrolXa
A visita serviu tamén para achegarse a un dos negocios asociados a Cohempo, Novalux Vilalba e As Pontes, un dos establecementos adheridos á última campaña do Bono Activa Comercio
martina-aneiros-visita-novalux-en-as-pontes
6 Nov 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo un encontro coa Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo) para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve a entidade e os resultados das últimas iniciativas de promoción do comercio local. A asociación conta cunha achega de 36.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para apoiar a súa actividade de dinamización comercial.

Na reunión participaron a presidenta de Cohempo, Montserrat Gastelu; a xerente, Iria Martínez, e o vicepresidente, David Docampo. Durante o encontro, Aneiros puxo en valor a intensa actividade da asociación a prol do comercio das Pontes, destacando as diferentes campañas impulsadas para fomentar as compras nos establecementos da localidade, entre elas «Somos Barrio», que rematou recentemente.

Esta iniciativa incluíu o sorteo de bolsas e camisetas coa imaxe da campaña, así como a elaboración dun vídeo promocional para a súa difusión a través das redes sociais.

A visita serviu tamén para achegarse a un dos negocios asociados a Cohempo, Novalux Vilalba e As Pontes, un dos establecementos adheridos á última campaña do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, que rematou este mércores tras esgotar os 2,5 millóns de euros de orzamento dispoñibles.

A axuda autonómica de 36.000 euros enmárcase na convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a apoiar as iniciativas das asociacións de comerciantes e contribuír á promoción e dinamización da actividade económica local.

0.13861703872681