A Xunta convoca unha axuda para prorrogar a contratación dun traballador que cubra a baixa por maternidade

TerraChaXa
A Xunta de Galicia apoia a conciliación dos autónomos convocando unha axuda específica para que poidan prorrogar a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade.
5 Nov 2017

A Xunta de Galicia apoia a conciliación dos autónomos convocando unha axuda específica para que poidan prorrogar a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que, sobre a bonificación estatal de 16 semanas, a Xunta financia outras 16 semanas máis, o que permitirá aos pais e nais autónomos manter durante un total de 32 semanas este apoio que cubre o 100% da cota empresarial da Seguridade Social, incluíndo os conceptos por accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

O prazo de solicitude desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria estará aberto ata o 27 de novembro para as contratacións realizadas antes da publicación da orde de axudas no DOG. Para as que se desenvolvan posteriormente, o prazo será dun mes desde a fecha da contratación, co límite do 30 de novembro.

Balseiro lembrou que o Goberno galego, a través da Estratexia Autónomo 2020, investirá este ano 800.000 euros nesta actuación que nace con carácter permanente, é dicir, que se prevé prorrogar nos vindeiros anos.

Para ter dereito á axuda, previamente a persoa traballadora autónoma tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade e ter contratado a unha persoa desempregada co contrato de interinidade por maternidade ou paternidade. Financiaranse os contratos que se teñan renovado ou se renoven, unha vez rematada a baixa por maternidade ou paternidade, entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano. É unha axuda flexible, xa que a renovación do contrato se poderá facer, como máximo, nos 15 días posteriores aos que finalice a baixa. Estímase unha axuda media de 2.000 euros por contrato.

Esta iniciativa para favorecer a conciliación súmase a outras actuacións pioneiras desenvolvidas este ano como son a ampliación da tarifa plana, o Bono Autónomo e a Oficina do Autónomo.

0.10661697387695