A Xunta aproba a instalación dun centro xestor de vehículos en Begonte

TerraChaXa
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña impactos significativos sobre a contorna
centro-de-xestor-de-vehiculos
14 Apr 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para a execución dun centro xestor de vehículos ao final da súa vida útil na parroquia de Saavedra, no concello lucense de Begonte.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública para garantir o acceso do público en xeral, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.

Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

En concreto, os órganos consultados conclúen que sería viable a posta en marcha do proxecto sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como as emisións á atmosfera; os cursos de auga; o patrimonio natural e a biodiversidade; o patrimonio cultural; os residuos e o impacto sobre o solo; o cambio climático ou a saúde das persoas.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e proximamente daráselle publicidade mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A instalación proxectada en Begonte para a xestión de residuos non perigosos, baseada no almacenamento temporal de vehículos descontaminados sobre unha soleira de formigón impermeable de 2.452 metros cadrados, localizarase na súa totalidade na parroquia de Saavedra, máis concretamente no lugar de Covela. Neste espazo depositaranse os vehículos descontaminados e contará cun sistema de recollida e tratamento de augas pluviais e de escorrenta.

O futuro centro almacenará de maneira temporal os vehículos á espera de ser entregados a outra instalación de xestión de residuos que continuará co proceso de valorización. Polo tanto, os residuos tanto de entrada como de saída serán os mesmos. Segundo o documento ambiental, amorearanse como máximo dous vehículos en altura, cunha capacidade máxima de almacenamento de residuos de 220,8 toneladas/ano.

0.11365485191345