A Xunta aproba un decreto de medidas urxentes para paliar e reparar os danos provocados polos lumes
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves, como primeiro asunto abordado polo Consello da Xunta, a aprobación dun decreto de medidas urxentes para paliar e reparar, na medida do posible, os danos provocados polos lumes, unha vez que xa non hai ningún incendio activo nestes momentos en Galicia.
Así mesmo, e coa prioridade absoluta de atender as familias das vítimas mortais, subliñou que, ademais de seguir intentando reconfortalas, hoxe apróbase un incremento das indemnizacións para os seus familiares, “que sirva en algo para reparar moral e economicamente” ás familias dos falecidos como consecuencia do terrorismo incendiario.
Con respecto ás perdas materiais, ademais de facer especial fincapé nas vivendas, Feijóo afirmou que se traballará cos concellos e as Deputacións para concretar o alcance dos danos sufridos nas infraestruturas públicas e palialos. Ademais, anunciou o inicio dos primeiros estudos de afectación sobre o patrimonio natural, co obxectivo fundamental de evitar que, a causa das chuvias, as cinzas cheguen aos ríos e mesmo ás costas.
O titular do Executivo autonómico quixo novamente agradecer o traballo e a dedicación dos equipos de loita contra o lume. Uns equipos que, a pesar das condicións climáticas extremas derivadas do furacán Ophelia, das rachas de vento, das altas temperaturas e da seca prolongada, lograron facer fronte a unha elevadísima actividade incendiaria nos últimos días. “Tamén é digno de loanza o comportamento do pobo galego. Canto máis grande é o reto, máis admirable é a súa resposta”, abundou.
Cómpre subliñar que durante a vaga de lumes se produciron 264 incendios. Nun só día, declaráronse tres veces máis lumes “que o día de maior intensidade en lumes do mes de agosto”. Feijóo incidiu en que, grazas ao esforzo dos equipos de extinción, arredor de dous de cada tres lumes quedaron en conatos.
Os falecidos, a cara máis amarga do terrorismo incendiario
O presidente expresou a solidariedade dos galegos coa dor que provoca a perda de vidas humanas e da angustia da que foron vítimas moitas persoas, especialmente as preto de 2.500 persoas desaloxadas provisionalmente.
No tocante aos falecidos, Feijóo afirmou que “son a cara máis amarga do terrorismo incendiario” e insistiu en que a prioridade para o Goberno galego seguen a ser as familias das vítimas. “A Xunta estivo en contacto con elas e seguirá en contacto sempre que nolo requiran”, sentenciou.
O titular da Xunta precisou que as persoas que faleceron por causa dos lumes non son simples vítimas dunha situación de emerxencia, “senón vítimas dunha intencionalidade delictiva”. “Por iso, o Consello da Xunta acaba de decidir aumentar as indemnizacións para estas familias. Non imos outorgar as indemnizacións que propón a emerxencia ordinaria con carácter xeral”, matizou.
Axudas por perdas materiais
Feijóo incidiu en que a vaga de incendios tamén provocou cuantiosos danos materiais. Explicou que o decreto aprobado hoxe recolle tamén que as persoas que sufriron perdas materiais, especialmente aquelas que viron como o lume afectaba ás súas casas, dispoñan tanto de asesoramento como de axudas. “No caso de que teñan seguro, asesoramento sobre os pasos que poden tomar para afrontar as consecuencias dos lumes. No caso de que non estean aseguradas abrimos unha orde para establecer as indemnizacións que correspondan, distinguindo vivenda habitual destruída, vivenda habitual afectada e vivenda non habitual destruída ou afectada”, abundou, asegurando que se darán tamén axudas para aloxamento ata a reparación das vivendas, ademais de avaliar as naves industriais afectadas que non teñan póliza de seguro.
Así mesmo, resaltou que se solicitou aos concellos unha primeira avaliación dos danos en infraestruturas públicas afectadas polo lume, desde a iluminación pública ata o mobiliario urbano e as vías de comunicación ou os sistemas de abastecemento de auga.
Por outra banda, xa se está a traballar na análise dos ríos e das costas co obxectivo de minimizar o risco de que as precipitacións provoquen riadas; planificar a reforestación da superficie afectada, cando sexa preciso, e rexenerar así o patrimonio natural. E a Xunta traballa tamén coas confrarías para identificar aqueles terreos danados polos incendios que poidan supoñer un risco para os bancos marisqueiros.
Todos estes pasos son coordinados no seo da Mesa de coordinación de actuacións postincendios creada baixo a dirección da Consellería do Medio Rural e integrada ademais polas de Mar, Educación e Cultura, Sanidade e Medio Ambiente. Unha comisión que se reunirá a inicios da semana que vén.
Parque Natural do Xurés e Reserva dos Ancares e O Courel
Feijóo salientou que parte destas actuacións de reforestación terán como prioridade os parques naturais afectados, con especial atención no Parque Natural do Xurés e na Reserva dos Ancares e O Courel.
“As prioridades de traballo son: evitar o arrastre do chan e restos de lume aos cursos de auga das valgadas. E iniciar de xeito inmediato plantacións de emerxencia que permitan o rexenerado de hábitats naturais afectados e que garantan o sustento do manto vexetal”, sentenciou.
En relación á cooperación institucional, o responsable do Goberno galego asegurou que a Xunta impulsará a creación dunha comisión conxunta coas administracións estatais, provinciais e as locais, para determinar que papel desempeñará cada unha na reparación dos danos.
Por último, trasladou a necesidade de reabrir unha reflexión profunda sobre as condicións que teñen que darse para que un incendiario vaia a xuízo “e sexa asimilado a delitos de terrorismo”.
Feijóo concluíu reiterando que o Goberno seguirá comprometido con Galicia, coa conservación do seu patrimonio natural e coa protección das vidas dos galegos. “Por iso, coa maior rapidez posible, lanzamos este decreto marco de axudas e seguiremos perseguindo aos incendiarios”.