A Xunta aproba unha addenda para a segunda fase da reforma do colexio de Baamonde
O Consello da Xunta autorizou a addenda ao convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o Concello de Begonte para a reforma das edificacións do antigo colexio CEIP de Baamonde como escola de música e conservatorio, así como para a construción dun auditorio no concello.
O convenio asinado en xaneiro de 2022 ten como finalidade resolver a necesidade de novas instalacións por parte do Concello de Begonte, que solicitou ao Goberno galego un reaxuste das anualidades previstas no convenio, dado que aínda que están rematadas as obras da fase I do proxecto, a reforma e o acondicionamento das instalacións para escola de música-conservatorio, estaban pendentes de licitación e adxudicación as obras correspondentes á fase II, a do auditorio, debido aos problemas actuais de subministración de materiais que provocaron un atraso na execución da primeira fase das obras obxecto do dito convenio. As obras foron adxudicadas finalmente á empresa Gau Arquitectura y Urbanismo SLR.
Así, o orzamento estimado para estas actuación é de 1.047.938 euros, dos cales a Axencia de Turismo de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegan, cada unha, 457.368 euros; e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, 133.202 euros, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.