A Xunta autoriza o saneamento do núcleo de Roimil en Friol
O Consello da Xunta autoriza o convenio de colaboración co Concello de Friol para dotar do servizo de saneamento o núcleo de Roimil, que suporá un investimento de 282.000 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 225.600 euros. O Concello de Friol contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 56.400 euros.
Unha vez autorizado este acordo, Augas de Galicia estará en disposición de licitar as obras, que teñen un prazo de execución de seis meses. As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da COVID-19.
Pola súa banda, a entidade local tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As obras recollidas no convenio autorizado hoxe polo Goberno autonómico consisten na execución dunha rede de saneamento e depuración de augas residuais nos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.
A solución proxectada
A solución proxectada céntrase na construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total con capacidade de depuración para 200 habitantes.
A rede de saneamento componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.
Para o funcionamento do sistema de depuración inclúense partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.
Coa rede proxectada por Augas de Galicia veranse beneficiadas 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.
O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente.