A Xunta autoriza con condicións a ampliación dunha explotación de vacún de leite en Friol

LugoXa | TerraChaXa
O proxecto permitirá aumentar a capacidade ata as 382 reses coa construción de novas instalacións, tras superar a avaliación de impacto ambiental simplificada
vacas
5 Aug 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu un informe de impacto ambiental favorable, aínda que condicionado, para a ampliación dunha explotación de vacún de leite situada no lugar de Bidueiro, na parroquia de Santo Mamede de Nodar, no concello de Friol.

A resolución conclúe que o proxecto non terá efectos adversos significativos sobre o medio ambiente sempre que se cumpran as condicións recollidas tanto no informe ambiental como na documentación presentada polo promotor e no programa de vixilancia ambiental.

A actuación permitirá incrementar a capacidade da explotación ata as 382 prazas para gando vacún de leite. Para iso prevese a construción dunha corte para xatas, un silo, unha esterqueira e un almacén de forraxe nunha superficie de 22.659 metros cadrados.

O proxecto foi sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada, durante o cal a documentación permaneceu en exposición pública sen recibir alegacións. Ademais, a Xunta solicitou informes a nove organismos e entidades, cuxas consideracións foron incorporadas como condicionantes da autorización ambiental.

Entre as medidas establecidas figuran requisitos relacionados coa protección da atmosfera, o control do ruído e dos olores, a prevención da contaminación do solo e das augas, a xestión dos residuos e as actuacións fronte a posibles accidentes ou catástrofes.

A resolución lembra tamén que a autorización ambiental non substitúe o resto de permisos e licenzas que sexan necesarios para executar a ampliación. Así mesmo, antes de que remate a vida útil das instalacións, a empresa deberá presentar un plan coas actuacións previstas para o eventual desmantelamento da explotación.

0.11866497993469