A Xunta autoriza o convenio para a segunda fase do Centro de Día de Outeiro de Rei

O Consello da Xunta autorizou a sinatura de catro convenios de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e os concellos de Teo, Outeiro de Rei, Ribadeo e Punxín, co obxectivo de reforzar e avanzar no desenvolvemento de recursos de proximidade que dean resposta ás necesidades de atención das persoas maiores en situación de dependencia. O montante total destes acordos supera os 1,6 millóns de euros.
Así, a Xunta investira 600.000 euros na segunda fase do Centro de Día de Outeiro de Rei. Con estes fondos, completarase a rehabilitación e ampliación da antiga reitoral. En concreto, construirase unha nova edificación e restaurarase outra xa existente na parcela. As tres construcións estarán comunicadas e funcionarán de forma conxunta, dando cabida a todas as funcións propias dun centro de día.
Nas catro actuacións serán os concellos os encargados da contratación e execución das obras. Tamén serán os responsables da titularidade e da xestión dos centros. A previsión é que todas as intervencións estean finalizadas o vindeiro ano.