A Xunta avalía cos concellos da zona de transición xusta os fondos outorgados a Galicia

TerraChaXa
A Xunta, con Paula Uría, avalía cos concellos incluídos na zona de transición xusta os fondos outorgados a Galicia
reunion concellos transicion xusta
reunion concellos transicion xusta
10 jun 2022

Explicou que as pequenas e medianas empresas son as principais destinatarias destes fondos de 111M€, xa que a previsión é mobilizar máis de 400M€ a través de proxectos que faciliten un plan de desenvolvemento territorial sostible e que garantan o mantemento do emprego nestes territorios.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, acompañada polos delegados territoriais da Xunta na Coruña e en Ferrol, Gonzalo Trenor e Martina Aneiros, mantivo onte un encontro cos alcaldes dos concellos incluídos na zona de Transición Xusta.

Na reunión, tiveron a oportunidade de avaliar a partida destinada a Galicia e dotada con 111 millóns de euros cos que se pretende identificar e impulsar proxectos tractores que permitan a transformación do tecido empresarial nos que colaboren, de modo principal, pequenas e medianas empresa.

O Fondo, que xestionará a Administración autonómica, facilitará a xeración dun impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición enerxética, como é o caso das áreas de Meirama e das Pontes, prexudicadas polos peches das centrais térmicas.

A directora incidiu en que as pemes son as principais destinatarias desta partida, sendo o obxectivo principal identificar grandes proxectos que impulsen as iniciativas desas pequenas e medianas empresas para, de modo conxunto, conformar un plan de desenvolvemento territorial sostible e garante do mantemento do emprego nestes territorios.

Para isto, xa se habilitou unha manifestación de interese para o tecido empresarial, o ser este un requisito do Goberno central para o uso do Fondo, quedando excluídas do reparto aquelas grandes empresas que agora non se presenten a esta convocatoria. O prazo de presentación de iniciativas permanecerá aberto ata o vindeiro 23 de xuño.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e o Inega, e en cooperación co Goberno central, estudará as manifestacións de interese recibidas, avaliando a súa viabilidade e compatibilidade coa normativa de axudas de Estado e co Regulamento do Fondo de Transición Xusta.

Os proxectos abranguerán investimentos en activos materiais e inmateriais –creación dun novo establecemento, diversificación da actividade ou da produción, ou transformación do proceso de produción global-; adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechase sempre que a nova actividade non sexa idéntica ou similar á realizada-; e investimentos centrados en medidas de eficiencia enerxética, fontes renovables, infraestruturas enerxéticas ou reciclado de residuos.