A Xunta busca o apoio das Pontes para o Plan de xestión do parque das Fragas do Eume
O Concello das Pontes participará nun encontro para implicarse na redacción do Plan reitor de usos e xestión do Parque Natural Fragas do Eume. A Xunta iniciará en marzo unha rolda de contactos directos cos alcaldes dos concellos da zona para implicados no desenvolvemento medioambiental, cultural, económico e turístico deste parque —o segundo máis extenso de Galicia, tras o Xurés, con 9.125 hectáreas—.
Os primeiros encontros serán cos rexedores dos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes, aos que lles solicitará novamente a colaboración para identificar as entidades, asociacións e organizacións do seu termo municipal a ter en conta para os futuros encontros.
A rolda de contactos continuará coa citación dos representantes dos terreos do parque —titulares de montes veciñais e man común—, con diferentes asociacións representativas vinculadas ao parque, para trasladarlles o contido e obxectivos de futuro do plan. Asemade, tamén se manterán encontros técnicos cos departamentos sectoriais autonómicos para recompilar as súas achegas.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo defendeu que un PRUX é unha ferramenta de protección e conservación para aqueles espazos que posúen unha características que os fan únicos; ao tempo que tamén é un instrumento para regular e integrar todas aquelas actividades e usos que poidan poñer en valor os seus recursos, sen comprometer a súa protección.
Nese sentido, apuntou que é necesario escoitar individualmente a todos os axentes que están no territorio, coñecer as súas inquedanzas e sensibilidades e, entre todos, converter os recursos en oportunidades, ao tempo que se garanten e manteñen os valores que ostentan.
Engadiu que este é o primeiro paso para dar unha resposta de consenso para o desenvolvemento deste espazo, que na actualidade se regula por un plan de ordenación, e poder aprobar este mesmo ano o plan reitor.