A Xunta cede ao Concello de Cospeito terreos, vias e equipamentos no polígono de Muimenta
A Xunta de Galicia vén de ceder ao Concello de Cospeito unha parcela, tres viarios, dúas zonas verdes e unha peonil no parque empresarial de Muimenta, tal e como recolle a escritura que hoxe asinaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Armando Castosa.
Tras o acto de sinatura, na que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a vicepresidenta segunda explicou que a superficie cedida abrangue 15.752 metros cadrados, dos que preto da metade -7.338 metros cadrados- son viarios; preto de 6.700 metros cadrados abranguen zonas verdes, e algo máis de 200 metros cadrados son unha zona peonil.
A maiores o Goberno galego tamén cede a parcela P-24, de máis de 1.500 metros cadrados, que corresponde ao 15% do aproveitamento urbanístico da Fase A.1 da ampliación desta área empresarial que, como lembrou a conselleira, supuxo un incremento de preto de 25.000 metros cadrados de superficie.
Ademais, leváronse a cabo actuacións relativas á urbanización, ás conexións ás redes de saneamento, abastecemento, telefonía e electricidade e aos enlaces coa estrada LU-120 e co viario do que xa dispuña o parque. E, a maiores, o Goberno galego recuperou unha antiga carballeira e un forno de pedra tradicional e instalou unha zona de descanso e lecer con xogos.
Na actualidade o parque empresarial de Muimenta ten á disposición do tecido produtivo un total de 13 parcelas, de entre 423 e 1.605 metros cadrados. O prezo do solo oscila entre os 41 e os 45 euros por metro cadrado, unha vez aplicada a bonificación do 50% que a Xunta ofrece nos parques empresariais da súa propiedade na provincia de Lugo.