A Xunta comproba nas Pontes os investimentos realizados co Fondo de Compensación Ambiental
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou o concello das Pontes para comprobar o resultado do investimento dunha axuda de máis de 160.300 euros do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), na liña de concorrencia non competitiva.
A entidade local resultou beneficiaria dunha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de 160.352,65 euros que destinou a tarefas de restauración do espazo natural do entorno do lago e eliminación de vexetación selectiva mediante rozas, subministro e instalación de catro bombas de augas residuais en Barreiro, Lago, Perfolla e Mourela, e a adquisición de dous vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco para o departamento municipal de Obras e a Policía Local. Ademais procedeuse ao subministro dun cucharón varredora para unha pala retroexcavadora para realizar tarefas de limpeza, protección e conservación do medio ambiente.
A delegada territorial lembrou que o FCA é un programa a favor das melloras ambientais no eido local que suma este ano un investimento próximo aos 950.000 euros para apoiar accións en 14 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, distribuíndo o canon eólico en beneficio da conservación e restauración do entorno, así como do equilibrio territorial.
Durante a visita, Aneiros destacou o compromiso do Goberno galego cos concellos á hora de garantirlles a dispoñibilidade de infraestruturas e servizos municipais de calidade a toda a cidadanía con independencia ao seu lugar de residencia e impulsar así o equilibrio do territorio. Lembrou ademais que, a través das convocatorias de axudas específicas como a orde de Infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental ou o Fondo de Cooperación Local, a Xunta investiu 24 M€ para a execución de case 700 proxectos municipais ao longo do pasado ano.