A Xunta compromete a ampliación de dez prazas na unidade de Alzhéimer do Hospital Asilo
A voceira popular e candidata á alcaldía de Vilalba, Sandra Vázquez, destaca “a implicación da Xunta cos servizos sociais dirixidos aos nosos maiores e ás persoas que precisan coidados e atención especializada”. De feito, agradece que a Consellería de Política Social incremente a achega de recursos económicos para dotar a Vilalba de máis prazas públicas de atención a persoas que sofren alzhéimer ou outras enfermidades dexenerativas porque vén de anunciar que “financiará outras 5 prazas da Unidade Terapéutica de Alzhéimer da Fundación Hospital Asilo”. Deste xeito, “a Xunta pasará de financiar 5 a 10 prazas”.
A Consellería de Política Social tamén actualizará os prezos incrementando nun 15% a achega para as prazas que viña financiando e nun 35% a súa aportación para o servizo de transporte que teñen asociado.
SEIS PRAZAS MÁIS NA RESIDENCIA
A popular subliña “a vital importancia” deste tipo de servizos e lembra que a conselleira anunciaba durante unha visita recente a Vilalba que “a Xunta financia outras 6 prazas públicas na residencia cunha achega de máis de medio millón de euros no orzamento deste ano”. Son polo tanto un total de 30 as prazas públicas financiadas polo Goberno galego no centro residencial.
A presidenta do PP vilalbés recoñece “as décadas de traballo atendendo a moitas persoas maiores” por parte da Fundación Hospital Asilo e traslada “o total apoio do Partido Popular de Vilalba ao seu labor”.
INVESTIMENTOS
O PP de Vilalba destaca “a aposta da Xunta polo noso municipio e polos servizos aos vilalbeses” tras analizar os investimentos que o Goberno galego dirixiu a Vilalba nos últimos catro anos e que os populares recollen nun boletín informativo que está a chegar durante estes días aos domicilios dos veciños e veciñas.
“A Xunta inxectou máis de 46 millóns de euros na economía vilalbesa dende o 2019 ao 2022: máis de 8 millóns en materia social, máis de 21 en relación ao rural -nos que se inclúen os pagos da PAC e outras axudas aos gandeiros vilalbeses-, máis de 7 millóns en cooperación co Concello, infraestruturas e rehabilitación de vivendas, máis de 5 en emprego, empresas e igualdade e máis de 2 millóns en educación”, explica a voceira popular e candidata á alcaldía, Sandra Vázquez.