A Xunta comprométese a facilitar a convivencia dos intereses privados coa protección ambiental nas Fragas do Eume

TerraChaXa
Salienta que co fin de incrementar a superficie pública deste espazo natural, mantén activo o programa para comprar parcelas privadas a prezos baseados en valoracións técnicas obxectivas
reunion-propietarios-fragas-do-eume
17 Jul 2026

A Xunta de Galicia defendeu onte o seu modelo de xestión do Parque Natural Fragas do Eume en aplicación do Plan reitor de uso e xestión (PRUX) —aprobado no ano 2023 e avalado recentemente pola Xustiza galega— ao tempo que abriu a porta a estudar posibles vías alternativas coas que facilitar a coexistencia dentro deste espazo dos intereses privados de propietarios e veciños coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade.

Así o expuxo esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Diaz, quen mantivo unha reunión en Santiago cun grupo de representantes de dúas asociacións de propietarios de terreos dentro do Parque Natural.

En concreto, a responsable autonómica lembrou que nos últimos meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou varias sentenzas avalando tanto a participación pública coa que se elaborou o PRUX das Fragas do Eume, como o feito de que non prevea indemnizacións con carácter xeral aos titulares de terreos.

En calquera caso, trasladoulles aos representantes de ambas entidades a vontade de diálogo por parte da Xunta e no marco dese espírito, ofreceuse a estudar posibles fórmulas alternativas (que non sexan de carácter económico) co fin de que, por un lado, os propietarios poidan aproveitar os seus terreos dentro do Parque Natural e, por outro, se garanta o uso público e a imprescindible protección medioambiental.

Deste xeito, Díaz explicou que as restricións ou limitacións son inherentes á protección de calquera espazo natural protexido e por esa razón, non xeran un dereito a compensación económica automática. Esas indemnizacións só procederían en caso de constatarse perdas económicas reais de aproveitamento por limitacións de uso, algo que, insistiu, ten que cuantificarse en todo caso.

Por iso, a directora xeral volveu ofrecerlles aos propietarios a posibilidade de que aporten documentación sobre casuísticas particulares, debidamente identificadas, de parcelas que poidan estar afectadas neste sentido, co compromiso de que os técnicos da Consellería procederán a analizar estes casos de forma individualizada.

En todo caso, cómpre lembrar que preto do 60% da superficie do Parque Natural está cualificada como de uso xeral ou uso compatible, polo que non hai limitacións apreciables a ningún aproveitamento destes terreos.

A maiores, Marisol Díaz tamén lembrou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mantén activo o programa de compra de parcelas privadas a prezos baseados en valoracións técnicas obxectivas, no marco do cal xa se adquiriron máis de 120 hectáreas. Nesta liña, incidiu en que o obxectivo desta iniciativa —impulsada pola Xunta tras a aprobación do PRUX— é reforzar o peso da superficie pública nun espazo natural no que o 80% dos terreos son de titularidade privada.

0.13836479187012