A Xunta comprométese a realizar melloras no centro de saúde de Rábade
A alcaldesa de Rábade, Remedios González, mantivo un encontro de traballo coa xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco, e o xerente do Sergas, Ramón Ares, para abordar as melloras que precisa o Centro de Saúde da localidade.
O Goberno local trasladoulles hai uns meses a necesidade do arranxo de varias zonas do centro, o que permitirá dar unha mellor atención e un mellor servizo aos doentes.
Na súa visita ao centro sanitario, a responsable da Xunta comprometeuse a arranxar as zonas comúns a principios deste ano. Tamén trasladou a intención da Consellería de Sanidade de levar a cabo unha reforma integral do edificio, así como de acometer obras na cuberta.
A rexedora estivo acompañada na súa visita ao Centro de Saúde da concelleira de Sanidade municipal, Pilar Dapena. Ambas agradecen a boa disposición da xefa territorial de Sanidade e do xerente do Sergas coas necesidades expostas.