A Xunta concede axudas de promoción da igualdade a concellos da provincia

TerraChaXa
O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución coas axudas correspondente á segunda ampliación de crédito da convocatoria da Xunta para promover a igualdade entre os concellos galegos.
10 Ago 2020

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución coas axudas correspondente á segunda ampliación de crédito da convocatoria da Xunta para promover a igualdade entre os concellos galegos. Grazas a este segundo incremento, a Administración autonómica vén de conceder novas achegas a cinco municipios da provincia. En concreto, incorpóranse os concellos de Castro de Rei (con 12.000 euros) e O Vicedo (3.900 euros), que reciben financiamento para programas de conciliación.

Igualmente, súmanse novos programas de conciliación en Viveiro (11.100 euros) e Sarria (12.000 euros), así como un proxecto de promoción da igualdade en Monforte de Lemos (2.500 euros), o que amplía as contías que xa tiñan concedidas neste exercicio.

Deste xeito, na provincia de Lugo resultaron directos beneficiarios das axudas 44 concellos, cun orzamento global de 919.000 euros. Porén, o alcance das medidas subvencionadas esténdese a 53 municipios a través de proxectos compartidos, como os Centros de Información á Muller (CIM).

Dentro da colaboración fluída cos concellos, a Xunta ampliou en dúas ocasións a convocatoria para promover a igualdade, facendo especial fincapé nas axuda á conciliación, que son unha das máis demandadas.

En concreto, esta convocatoria de axudas conta con catro liñas: as xa mencionadas axudas á conciliación e á promoción da igualdade, o financiamento dos CIM e a de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. A convocatoria está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Distribución por proxectos

Na provincia de Lugo a maior contía corresponde ao financiamento dos CIM, que reciben apoios por importe global de 516.400 euros. Están situados nos concellos de Chantada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Burela, Lugo, Vilalba e Viveiro. Salvo os tres últimos, todos teñen adscritos a outros concellos da súa contorna, polo que contan con este servizo un total de 37 municipios.

Estas axudas financian a contratación para cubrir postos de traballo de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Pola súa banda, 24 concellos lucenses obteñen en total 237.000 euros en axudas para a realización de iniciativas que permiten fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través de medidas que aposten pola conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Así mesmo, para desenvolver as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres postas en marcha no marco do Pacto de Estado de Violencia de Xénero, contarán coa axuda desta orde 28 concellos lucenses, con apoios que suman 155.500 euros. Neste caso tamén haberá dous beneficiarios máis dado que dúas entidades presentaron proxectos compartidos (A Fonsagrada con Negueira de Muñíz e Láncara co Páramo). Por último, no marco dos programas para a prevención da violencia de xénero reciben axudas Guitiriz e Monforte de Lemos, cun importe total de 11.000 euros.

A Xunta destina en toda Galicia a esta convocatoria máis de 6,6 millóns de euros, o que supón 1,3 millóns de euros máis do que se investiu para este mesmo fin en 2019. Ademais, e tamén destinada aos concellos, a Xunta investiu este ano 1,4 millóns de euros nas axudas para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, tamén ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Por tanto, a colaboración do Goberno galego cos concellos galegos ascende a 8 millóns de euros.

0.17597103118896