A Xunta contrata 2 técnicos para reforzar o servizo de orientación laboral en Vilalba
A Xunta de Galicia reforza o servizo galego de orientación laboral na provincia a través da contratación de 50 técnicos que axudarán ás persoas sen emprego a mellorar as súas oportunidades laborais, co obxectivo de que poidan insertarse no mercado de traballo o antes posible e nunhas condicións axeitadas ao seu perfil profesional.
En concreto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria potencia o servizo de orientación nas 11 oficinas de emprego da provincia, e facilita a contratación de orientadores na Administración local e en 10 entidades sen ánimo de lucro de Lugo. Destina, en conxunto, máis de 1 millón de euros ao financiamento destes contratos.
Así, a Consellería incorpora tres orientadores máis na oficina de emprego Lugo Norte e outros tantos na Lugo Sur, ambas na capital; tamén suman dous orientadores as oficinas de Monforte de Lemos, Sarria e Vilalba, e un orientador máis as de Becerreá, Burela, Chantada, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.
Igualmente, financia a contratación dun orientador nos concellos de Viveiro, Vilalba, Portomarín, Sober, Cervantes, O Corgo, Cervo, Sarria, Carballedo, Quiroga e Burela, así como na Deputación Provincial.
Por último, as entidades sen ánimo de lucro que incorporan a un técnico en orientación na provincia son a Confederación de Empresarios e outras asociacións empresariais sectoriais así como colectivos do ámbito social -como Cogami ou Fademga-, o sindicato UXT ou Ilunion Emprego, entre outros.
O servizo de orientación laboral de Galicia está composto por técnicos que actúan como titores personalizados de cada persoa desempregada. Desenvolven, entre outras funcións, entrevistas persoais, elaboran perfís individualizados coa identificación de oportunidades profesionais e realizan un seguimento de cada persoa.
Os orientadores facilítanlles ás persoas desempregadas información actualizada sobre o mercado de traballo, sobre accións de formación profesional para o emprego e o proceso de recoñecemento da experiencia laboral coas que poden mellorar a súa cualificación. Así mesmo, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, que obteñen un itinerario personalizado de emprego para a súa posterior inserción laboral.
O servizo tamén está enfocado ás empresas, xa que os traballadores desta rede especializada na orientación contactan coas firmas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das súas necesidades, ao tempo que lles informan sobre os diferentes incentivos cos que conta a Administración autonómica para a contratación.
O Goberno galego pretende con esta actuación incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, prestando especial atención aos colectivos con dificultades de inserción a través de accións de atención constante e especializada en orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego.
Orientación aberta
Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria enmárcase na Axenda 20 coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. Preténdese poñer en marcha, entre outras medidas, un novo modelo de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e online; ademais de potenciar a atención a empresas tanto desde as oficinas de emprego como nas de apoio á empresa, orientándoas a servizos, pemes e emprendedoras.
Así mesmo, a Xunta quere afondar na formación continua do persoal técnico propio do Servizo Público de Emprego de Galicia, así como o dos centros colaboradores e demais persoal de apoio ao emprego e o emprendemento, desenvolvendo un currículo específico e especializado en relación aos servizos que se prestan.