A Xunta convoca a propietarios dos terreos para a mellora de paradas de bus

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Xunta convoca os propietarios dos terreos para a mellora de 51 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade de Lugo
bus parada escolar
9 Maio 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), e no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, a convocatoria, para este mes de maio e os vindeiros meses de xuño e xullo, dos propietarios dos terreos necesarios para actuar na mellora da accesibilidade e conectividade de 51 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas ao paso das rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo.

Estas obras, xa licitadas e en fase de contratación, permitirán intervir na mellora de 30 paradas en Lugo; 5 en Xove; 4 en Castro de Rei; 2 en Riotorto; 2 en Outeiro de Rei; 2 no Vicedo; 2 en Cospeito; 2 en Begonte; 1 en Abadín; e 1 en Meira.

En concreto para levar a cabo o acondicionamento deste conxunto de 51 paradas de autobús, situadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia, faise necesario a expropiación de distintos predios situados nos municipios de Lugo, Cospeito, Riotorto e O Vicedo. No resto das paradas as melloras realízanse en zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, polo que non é necesario o proceso expropiatorio.

Segundo recolle hoxe o DOG, o acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos situados nos municipios do Vicedo, Riotorto e Cospeito fíxase para o día 31 de maio, no salón de plenos das respectivas casas do Concello. No caso do acto expropiatorio dos terreos situados no concello de Lugo, os titulares do terreos están citados para o día 1 de xuño no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra.

Posteriormente, no mes de xullo, convócase o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación. En concreto, en Lugo convócanse para o día 11, novamente no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra da cidade. No Vicedo, Riotorto e Cospeito e fíxase para o seguinte día, 12 de xullo, nestes casos nas respectivas casas do Concello.

Pode consultarse toda a información neste enlace.

As intervencións de acondicionamento deste conxunto de 51 paradas de autobús permitirán dotar as paradas de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se inclúen obras para facilitar as manobras dos autobuses e favorecer a conectividade das paradas a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís.

Así mesmo, reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna, e actuarase mellorando a información e a sinalización.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas de titularidade autonómicas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

0.17981004714966