A Xunta de Goberno da Deputación aproba as obras nunha estrada da Pastoriza

TerraChaXa
A Deputación aprobou actuacións para mellora de 11 estradas. Na Pastoriza, na LU-P-1106, que vai de Castro de Rei a Campo do Oso por Reigosa.
30 Jan 2021

A Xunta de Goberno da Deputación, celebrada telematicamente este venres, aprobou actuacións para a mellora de 11 estradas provinciais que discorren por dez concellos nas que a institución inviste preto de 1.160.000 euros.

No concerniente á Terra Chá, na Pastoriza, a Deputación de Lugo inviste preto de 170.000€ para rehabilitar a estrada provincial LU-P-1106, que vai de Castro de Rei a Campo do Oso, pasando por Reigosa. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o Plan de Seguridade e Saúde. O presidente subliñou a importancia destas obras, pois esta vía soporta un elevado volume de tráfico debido aos traballos que realiza unha canteira situada no núcleo de Xemil.

Así mesmo, a LU-P-1106 é moi utilizada como saída cara Mondoñedo. A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar os Plans de Seguridade e Saúde no Traballo, último paso administrativo antes de iniciar estas obras, que afectarán a uns 4 quilómetros desta vía, entre os puntos quilométricos 16,9 e 20,4. Consistirán na mellora do firme con rego asfáltico, cun prazo de execución de 9 meses.

Tamén foi aprobada a adxudicación das obras de rehabilitación de firmes en 4 estradas de Ourol por importe de 254.584€ e un prazo de execución de 6 meses. Por un lado, mellorarase a LU-P-6602, que vai de Rúa Nova a Muras, e que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Neste caso vaise arranxar medio quilómetro, dende o punto 18,550 ata o 19,095. Neste concello, tamén se vai arranxar a LU-P-3805, que une os núcleos Sixto con Campo do Foxo, en dous tramos: o que vai do quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917. Esta vía provincial comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto. A terceira estrada é a LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade. Neste caso, son os 200 primeiros metros de estrada, que presenta estragos. Amañarase tamén a LU-P-3808 de Foxo a Portapena, nun tramo de 2,676 quilómetros.

0.16669821739197