A Xunta declara a emerxencia cinexética temporal para controlar a poboación do xabaril

A Xunta de Galicia vén de declarar a emerxencia cinexética temporal en todo o territorio da Comunidade ante a presenza e os danos ocasionados polo xabaril, que entrará en vigor mañá, venres, 31 de xullo, logo de que hoxe se publicasen as correspondentes resolucións no Diario Oficial de Galicia.
As declaracións de emerxencia cinexética temporal, cuxa vixencia se estenderá ata o 31 de xullo do vindeiro ano, abranguendo así toda a tempada de caza 2026-2027, inclúen os Tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. Ademais, nesta ocasión e como novidade, inclúense as explotacións cinexéticas comerciais de caza maior.
Esta é a sexta vez (tras 2019, 2021, 2023, 2024 e 2025) que se recorre a este instrumento, provisional e extraordinario, co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie, a través de distintas modalidades e procedementos de captura e a primeira que se aplica a todo o territorio da Comunidade.
Nese senso, as circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos.
En concreto, as novas resolucións responden a unha análise pormenorizada e obxectiva das circunstancias actuais derivadas dos avisos por danos á agricultura, dos accidentes de tráfico, da superficie afectada e do censo gandeiro porcino, así como dos problemas de seguridade cidadá que está causar a presencia de xabarís nas contornas das cidades. Ademais, tamén se tomou en consideración o seu potencial como factor de difusión e mantemento da peste porcina africana xa que elevadas poboacións desta especie favorecen a dispersión da enfermidade, dificultan a súa erradicación e incrementan o risco de que pase a ser endémica en Europa.
Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto. Cómpre lembrar que a emerxencia cinexética temporal é unha medida prevista no regulamento de caza de Galicia para cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería ou a seguridade viaria.
En concreto, durante a vixencia da emerxencia cinexética temporal permitirase abater ou capturar sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de todas as idades. Así mesmo, será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.
Ademais, habilítanse unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2026-2027 dos Tecores, ou a autorización para o uso, con carácter excepcional, de medios auxiliares -como dispositivos de mira dos cales forme parte un convertedor ou amplificador electrónico de luz, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados- que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.
De igual xeito, poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial -persoalmente ou mediante terceiros- con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complementen a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual.
Con todo, a declaración de emerxencia cinexética temporal poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración.