A Xunta destaca o apoio ao FIV, que se celebra a última fin de semana de abril en Vilalba

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o apoio da Xunta ao FIV de Vilalba, integrado no programa Concertos do Xacobeo, que promove a Axencia de Turismo de Galicia.
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da 19ª edición do festival, que se celebrará os días 24 e 25 de abril na localidade, abrindo a tempada de festivais na provincia. Ademais do delegado participaron no acto o director do evento, Carlos Montilla, e Sandra Vázquez, directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.
Polo escenario principal, situado no Campo da feira e que abrirá as portas ás 19:00 horas, pasarán o venres Carlos Ares, Futuro Alcalde, Celia Becks, Alcalá Norte e Rapariga DJ. O día 25 actuarán La M.O.D.A xunto con Repion, Puño Dragón, Ángel Stanich e Grande Osso.
Na mañá do sábado celebraranse na Praza do Concello os concertos de día, coa Banda de Música de Vilalba, Grande Osso -que fai sesión dobre- e o FIV Stars–Karaoke con Esteban, unha proposta participativa pensada para todos os públicos.
Haberá un espazo gastronómico, e os asistentes contarán con dúas zonas de descanso, unha cuberta no pavillón Insua Bermúdez e outra exterior no estadio Roca. Arias destacou que “a cita conta cunha comunidade fiel de fivers e segue medrando en cada edición sen perder a súa identidade, sustentada na música indie e no respaldo ao talento galego”.
O delegado explicou que “Concertos do Xacobeo” apoia aos principais eventos musicais de Galicia co obxectivo de situala como un destino de festivais e cultural de referencia. O pasado ano sumou 180 propostas, entre as que tamén se contan na provincia de Lugo o Resurrection Fest, o Caudal Fest ou Osa do Mar, entre outros.