A Xunta destina 278.000 euros á nova escola infantil de Begonte

TerraChaXa
Fabiola García destacou que con actuacións como esta, Galicia está a blindar o seu liderado na etapa educativa de 0 a 3 anos, que é totalmente gratuíta
fabiola-visita-escuela-infantil-begonte
16 Apr 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou a escola infantil municipal de Begonte, que é a primeira deste concello e que desde o pasado mes de setembro ofrece atención educativa totalmente gratuíta ao seu alumnado, grazas ao programa da Xunta. Alí destacou que se trata dun centro moderno e totalmente equipado, que ofrece 36 prazas públicas de 0 a 3 anos e no que o Goberno galego investiu 278.000 euros de fondos europeos MRR.

Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde, José Ulloa, agradeceu o esforzo do concello por impulsar este servizo para que as familias non teñan que desprazarse para levar aos seus fillos á escola infantil. Así mesmo, sinalou que con actuacións como esta, Galicia continua blindando o seu liderado na taxa de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil, achegándose xa ao 65% e situándose 15 puntos por riba da media estatal.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a nosa comunidade segue sendo a única na que todas as escolas infantís (as públicas, as de iniciativa social e as privadas) son gratuítas durante oito horas ao día e once meses ao ano. Unha iniciativa á que o Executivo autonómico destina 68 millóns de euros anuais de fondos propios.

Fabiola García reiterou o compromiso da Xunta de seguir apoiando ás familias para que o seu día a dia sexa máis doado, con medidas como a gratuidade das escolas infantís e das Casa Niño no rural, o Bono Concilia Familia ou a Tarxeta Benvida. Ao respecto, asegurou que “seguiremos traballando para facer de Galicia o mellor lugar para vivir e formar unha familia”, así como “para seguir avanzando nunha Galicia Calidade, próxima, amable e familiar”, concluíu.

0.11499404907227