A Xunta destinou 1,2 millóns de euros no último ano para dotacións, obras e servizos en Rábade
A Xunta de Galicia leva investidos no último ano máis dun millón de euros dirixidos a apoiar distintas obras e na mellora de dotacións e servizos en beneficio da veciñanza de Rábade, facendo da administración autonómica a que maior esforzo inversor realiza neste municipio.
Melloras no polígono industrial
Un exemplo destes apoios está nas obras de mellora que afectan ao polígono industrial desta localidade e que foron obxecto de visita e supervisión esta mañá polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
Nunha primeira fase, xa executada, actuouse na rúa do tanatorio. Ademais de mellorar o pavimento procedeuse á ampliación da plataforma e a dotala dos servizos de luz, saneamento, abastecemento... etc. A estrada conta cun novo firme e máis amplo, axeitado para os camións e vehículos de gran tonelaxe que por ela transitan habitualmente e ademais incorpora un espazo de estacionamento en liña e para o tránsito peonil.
Este mesmo ano ten previsto executarse unha segunda fase, con idénticas melloras pero, neste caso, que se levaran a cabo noutra vía interior do polígono, a que transcorre de xeito paralelo a estrada da Coruña e perpendicular a rúa do tanatorio. A achega autonómica para impulsar ambas obras supera os 153.000 euros.
Outras actuacións
No ámbito das infraestruturas a Xunta tamén achegou preto de 120.000 euros nas obras de reforzo firme travesía LU-107, xa rematadas. E, por outra banda, o Goberno galego reserva 500.000 euros para o plan de sendas, que permitirá a creación dun carril peonil e ciclista que unirá o núcleo urbano de Rábade-Enlace A-6 ata o límite co termo municipal de Begonte.
No que respecta ás dotacións en materia de benestar, a Xunta achegou case 100.000 euros para o sostemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, 16.000 euros adicionais para a contratación do asistente social e 18.000 euros en diversas melloras executadas no centro de menores Santo Anxo.
En materia educativa, o Goberno galego achegou 25.000 euros repartidos en diversas obras nos centros escolares locais, que permitiron impulsar melloras no polideportivo do IES Río Miño, e reformas varias (cuberta, cociñas, comedor, cheminea) no CEIP Otero Pedrayo.
Polo que respecta ao medio rural o Concello de Rábade, beneficiouse dunha achega de 63.000 euros para o plan marco de mellora de camiños (durante os anos 2016, 17 e 18) e 21.400 euros máis en axudas directas ao sector agro-gandeiro.
Finalmente para completar o ámbito da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Rábade contou cun obradoiro de emprego xunto con Begonte e Friol, axuda que volve a reeditar este ano, e diversas axudas dirixidas a promover a contratación de tres traballadores con cargo ao programa Aprol Rural, dous socorristas (un en 2016 e outro en 2017), e a axuda para o axente de emprego local.