A Xunta dispón de dúas unidades de desinfección de vehículos
A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo ten á disposición dos concellos da provincia as dúas unidades de desinfección de vehículos por ozono que puxo en funcionamento para contribuír a frear a expansión do coronavirus.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, remitiu unha carta aos concellos lugueses para ofrecerlles este servizo, que permite hixienizar de forma rápida e eficaz os vehículos de uso público e de emerxencias, en particular os das agrupacións de Protección Civil e os da Policía Local.
Os concellos interesados deben comunicalo e solicitar cita previa, ben a través do enderezo electrónico emerxencias.lugo@xunta.gal (opción preferente) ou chamando ao número 982.294.555 do servizo territorial de Emerxencias.
A prestación do servizo é gratuíta e unha vez solicitada a cita previa os concellos terán que trasladar os vehículos para desinfectalos nas instalacións do parque móbil da Xunta en Lugo (no enderezo Talleres de Medio Rural, rúa Benigno Rivera, 62, no polígono do Ceao).
Estas dotacións tamén son empregadas para desinfectar os vehículos da Administración e da Policía Autonómica. A iniciativa vén a complementar os labores de desinfección nas contornas de centros asistenciais e as medidas de protección que está a facilitar a Xunta a todos os concellos, residencias de maiores e outros puntos vulnerables para incrementar a seguridade fronte ao coronavirus.