A Xunta distribúe máis de 20 millóns entre todos os Concellos lucenses para obras e servizos
A Xunta de Galicia destina aos concellos de Lugo máis de 20 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, un programa de axudas que chega a todos os municipios e cuxa distribución atende a criterios obxectivos pactados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e baseados principalmente nos datos de poboación.
Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que engadiu que a Xunta incrementou este ano a dotación do Fondo de Cooperación en máis dun 3%.
O delegado insistiu en que este fondo non está condicionado nin vinculado á execución dunha obra ou servizo concreto, o que significa que “os concellos poden investilo no que estimen máis axeitado para os intereses dos seus veciños”.
“Son recursos -afirmou Balseiro- que buscan contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as necesidades dos seus veciños e o fagan sen necesidade de ampliar a carga impositiva que soporta a veciñanza”.
O delegado subliñou que “se hai un goberno que traballa por todos os veciños da provincia por igual, que se esforza por satisfacer as necesidades de todos os lucenses, vivan onde vivan, e con independencia da cor política do seu alcalde, este é o da Xunta”.
Neste sentido, Balseiro destacou que o Fondo de Cooperación “acredita xa unha longa traxectoria dando soporte ás arcas municipais” e afirmou que “existen diferencias evidentes co Plan Único da Deputación, entre elas o pleno respecto á autonomía municipal dado que o Fondo non establece ningún tipo de condición ao municipio con respecto ao destino do investimento”.