A Xunta distribúe ordenadores para escolares sen recursos
A Xunta de Galicia completou a entrega de 156 ordenadores portátiles con conexións gratuítas a Internet destinados a familias con menos recursos cuxos fillos cursan Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación Profesional na provincia de Lugo.
O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, explicou que os portátiles entréganse ás familias a través dos seus centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos. O equipamento foi distribuído entre 37 Institutos de Ensino Secundario (IES) lugueses, 12 Centros Públicos Integrados (con Educación Primaria e Secundaria) e 3 Centros Integrados de Formación profesional (CIFP).
A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa mentres dure o estado de alarma. Cada centro recibe tres equipos con conectividade, que distribúen entre as familias atendendo á súa situación socioeconómica e priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.
Esta medida, que se realiza en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange, forma parte do paquete de iniciativas que puxo en marcha a Xunta de Galicia para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa.
Os equipos distribuíronse na Terra Chá nos IES Fonmiñá da Pastoriza, Terra Chá de Castro, Poeta Díaz Castro de Guitiriz, Pedregal de Irima de Meira e Basanta Silva e Lois Peña Novo de Vilalba. Tamén repartiron no CPI Virxe do Monte de Cospeito.
Tamén repartiron no CPI Dr. López Suárez de Friol e no IES Río Miño de Rábade.