A Xunta encargará o proxecto de ampliación do CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
O centro educativo conta actualmente con máis de 340 alumnos e alumnas e sitúase nun contexto de crecemento demográfico positivo
reunion-alcalde-outeiro-conselleiro-educacion
2 Sep 2026

A Xunta de Galicia encargará nas próximas semanas a redacción do proxecto de ampliación do Colexio Laverde Ruiz de Outeiro de Rei, segundo confirmou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, ao alcalde do municipio, José Pardo, nunha reunión mantida en Santiago de Compostela.

O centro educativo conta actualmente con máis de 340 alumnos e alumnas e sitúase nun contexto de crecemento demográfico positivo. Ante esta evolución, os servizos técnicos da Consellería de Educación consideran oportuno iniciar os trámites necesarios para abordar unha futura ampliación das instalacións.

A actuación terá como principal obxectivo incrementar a capacidade do colexio, coa creación dunha nova aula por cada curso de Infantil e Primaria que se imparte no centro. O proxecto contemplará, ademais, melloras na cociña e a instalación dunha marquesiña interior que permitirá conectar os dous edificios que conforman o colexio.

O compromiso trasladado pola Xunta supón un novo paso para adaptar as infraestruturas educativas de Outeiro de Rei ao incremento da demanda de prazas escolares. Desde o Concello destacan a importancia da actuación para continuar mellorando os servizos públicos educativos e dar resposta ás necesidades derivadas do crecemento da poboación.

0.14349794387817