A Xunta entrega catro vivendas públicas nas localidades de Outeiro de Rei e Xermade

LugoXa | TerraChaXa
O delegado instou a todas as persoas interesadas a inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia
vivenda-publica-outeiro-de-rei
21 May 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou nos actos de entrega en réxime de alugamento de catro vivendas de promoción pública nos municipios de Outeiro de Rei e Xermade. En concreto, no primeiro concello entregáronse dous pisos de tres dormitorios e un de dous e, no segundo, un piso de tres habitacións. Todos eles contan con garaxe e rocho.

Arias lembrou que a Xunta vén de elevar os límites de ingresos requiridos para poder optar ás vivendas de promoción pública, co obxectivo de ampliar o círculo de posibles beneficiarios. A medida, que xa está en vigor, fixa como tope xeral percibir 4 veces o Iprem, que para familias numerosas ascende a 4,5 e en casos especiais pode chegar a 5,5 veces o Iprem. Ademais, resérvanse vivendas para menores de 36 anos, ou persoas que teñan entre 36 e 45 anos e fillos a cargo.

Neste sentido, o delegado instou a todas as persoas interesadas a inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, un trámite gratuíto e sinxelo, que se pode facer online, e é indispensable para poder acceder a estas adxudicacións.

0.12698698043823