A Xunta estuda prorrogar as axudas para a agricultura ecolóxica para o vindeiro ano

TerraChaXa
A Consellería do Medio Rural abordará este mes de novembro, no seo da xuntanza do Comité de Seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), a posibilidade de prorrogar as axudas dirixidas ao agroambiente, clima e á agricultura ecolóxica, a pesares de que rematou o período de compromiso de cinco anos iniciado no ano 2015 (inclusive).
3 Nov 2019

A Consellería do Medio Rural abordará este mes de novembro, no seo da xuntanza do Comité de Seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), a posibilidade de prorrogar as axudas dirixidas ao agroambiente, clima e á agricultura ecolóxica, a pesares de que rematou o período de compromiso de cinco anos iniciado no ano 2015 (inclusive).

Así, cabe lembrar que, para realizar unha prórroga dese compromiso iniciado en 2015 e rematado en 2019, tal e como establece a normativa é preciso realizar unha modificación no PDR unha vez que remata ese compromiso, cuestión que se levará a cabo proximamente. Neste sentido, queda clara a aposta da Xunta por beneficiar a todos os agricultores e gandeiros galegos de cara a aumentar a súa competitividade e a mellorar as súas rendas.

Polo tanto, a Xunta comprométese a abordar esta cuestión dada a relevancia que ten para o sector, para compensar os custos asociados a métodos de produción máis respectuosos co ambiente e coa conservación da paisaxe. Os beneficiarios destas axudas son, na súa gran maioría, titulares de explotacións de vacún de leite e de carne que orientan a súa produción a prácticas gandeiras en extensivo e á conservación de razas gandeiras autóctonas que se atopan en perigo de extinción. Ademais, tamén se benefician destas subvencións os agricultores en ecolóxico.

Por todo isto, e ante críticas partidistas e intencionadas dalgún axente do sector nos últimos días en relación con diferentes ordes de axudas, a Consellería do Medio Rural desmárcase de tales acusacións, que tan só buscan facer política dos seus actos e das súas declaracións públicas, causando desánimo no propio sector con informacións falsas e erradas.

Ao fío disto, cabe lembrar que nos últimos meses a Xunta, a petición dos beneficiarios das subvencións e tal e como fixo en anos anteriores, ampliou o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes ás axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións. Con esa prórroga os beneficiarios tiveron ata o 15 de outubro para presentar a documentación.

Ademais, tamén cómpre recordar que Galicia estivo entre as primeiras comunidades autónomas en pagar os anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á campaña 2019-2020.

0.13823008537292