A Xunta financia con 340.000 euros os gastos de 180 agrupacións de voluntarios de Protección Civil

TerraChaXa
O
21 Ago 2017

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns 21 de agosto a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos das Agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos.

Este ano, o orzamento a distribuír ascende a 340.000 euros, o que permitirá axudar a un total de 180 agrupacións de voluntarios de protección civil.  Por provincias, os datos son os que seguen: na Coruña, recibirán axudas 62 AVPC, por valor de algo máis de 118.000 euros; en Lugo, 31 agrupacións, cun orzamento de máis de 57.000 euros; en Ourense, serán 58 as beneficiarios grazas a un financiamento de máis de 110.000 euros; e en Pontevedra, as axudas chegarán a 29 AVPC, con preto de 54.000 euros.

Cómpre salientar que os propios voluntarios -a través das súas asociacións provinciais- participaron na elaboración dos criterios de avaliación desta convocatoria de axudas, polo que se premian aquelas características que as propias AVPC entenderon como fundamentais.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección (material funxible); custos de actuacións, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións. Ademais, para facilitar as compras e pagos, as AVPC poderán recibir anticipos con cargo á subvención concedida de ata o 80%.

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos. Con este obxectivo, tense habilitado unha liña de subvencións en especie con vehículos pick up, furgóns de loxística, remolques de emerxencia, embarcacións pneumáticas, ou equipos de excarceración. Nos últimos tres anos, o investimento global ascendeu a 9 millóns e medio de euros.

A isto hai que sumar o esforzo en materia de formación, que se materializa fundamentalmente nos cursos da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), que oferta formación en diversos eidos da atención das emerxencias.

0.13503503799438