A Xunta incrementa as horas de servizo de Axuda no Fogar

TerraChaXa
A Consellería de Política Social vén de impulsar un plan de apoio á dependencia que supón incrementar nun 7,5% as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia na provincia de Lugo e a creación dunha nova prestación, o Bono Autonomía en Residencia.
25 Ago 2018

A Consellería de Política Social vén de impulsar un plan de apoio á dependencia que supón incrementar nun 7,5% as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia na provincia de Lugo e a creación dunha nova prestación, o Bono Autonomía en Residencia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe en rolda de prensa que a Consellería ten previsto volver a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar nos concellos lucenses cun incremento de preto de 134.000 horas anuais do que se beneficiarán todas as comarcas.

Balseiro lembrou que actualmente a Consellería sufraga na provincia 1.795.980 horas ao ano, que dan atención a preto de 4.000 usuarios (3.743 contabilizados no segundo trimestre do ano) e significan un investimento de 13,2 millóns de euros (13.227.900 euros o pasado ano). Con este aumento, a Xunta financiará en Lugo preto de 2 millón de horas de prestación anuais (1.929.807).

A distribución de máis horas entre os concellos terá efectos inmediatos. A previsión da Xunta é que este verán se alcance a execución total das horas, é dicir, que estean asignadas a algún beneficiario.

O delegado territorial afirmou que o SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia, o máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda así como polas súas familias coidadoras, e representa máis do 32% das prestacións totais do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD).

A aposta da Consellería de Política Social por este tipo de servizos para as persoas dependentes é clara e decidida e, por iso, leva xa nove anos incrementando a prestación do SAF en toda Galicia.

Ademais, desenvolveu diversas melloras na xestión da asignación do servizo a través da posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos. O aumento no orzamento e na tramitación destas prestacións permitiu o incremento do número de persoas beneficiarias, xunto coa axilidade na asignación do servizo.

Balseiro sinalou que o obxectivo do Goberno galego é superar as 60.000 persoas con atención antes de que remate o presente ano no conxunto da comunidade, “unha cifra nunca antes acadada”. Este reto, avanzou, terá aparellado un investimento de 21 millóns de euros e “suporá adiantar dous anos un obxectivo que inicialmente se fixou para toda a lexislatura”. En concreto, a partir do vindeiro mes de setembro incorporaranse de maneira progresiva en Galicia 4.000 novas persoas como beneficiarias dos recursos públicos de prevención e coidado da dependencia.

Nova prestación

O Bono Autonomía en Residencia consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública. Deste xeito, a aqueles que estean pendentes de recibir un recurso de atención residencial e non perciban ningunha outra prestación das incluídas no Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, a administración ofreceralles unha libranza vinculada para a adquisición dun servizo de atención residencial co fin de sufragar o custo da súa estancia nun centro privado mentres agarda, si así o desexa, pola súa incorporación a unha praza nun centro público. Os beneficiarios recibirán de media 490 euros ao mes, podendo percibir un máximo de 715 en función do grao de dependencia recoñecido e da súa capacidade económica.

Esta iniciativa vén a reforzar outras propostas da Xunta neste campo, como o Plan ‘Como na casa’, que contempla a posta a disposición das persoas maiores de novas prazas residenciais a través da construción de 7 novas residencias nas 7 grandes cidades de Galicia; e o Plan ‘Na casa’ que está a posibilitar axuda a aquelas persoas dependentes que, por vontade propia, deciden permanecer nos seus domicilios ou na súa contorna familiar a través do reforzo de programas como o SAF, a teleasistencia ou o servizo de ‘Xantar na casa’.

Nesta liña, Balseiro fixo fincapé no notable impulso na atención á dependencia que rexistra Galicia nos últimos anos. Así, a comunidade pasou de 40.173 persoas con servizo e unha ratio de cobertura do 61,5% en outubro de 2015 aos actuais 57.058 e 84,75% de porcentaxe de atención que sitúan a Galicia cinco puntos por riba da media do conxunto de España, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social correspondente ao pasado mes de xuño. Isto significa que en menos de tres anos Galicia sumou 16.865 novos dependentes con atención e incrementou a cobertura das prestacións en máis dun 23%.

Este reforzo da atención aos maiores é posible debido ao incremento dos recursos económicos destinados para este fin nos últimos nove anos, nos que se pasou de 276 millóns de euros en 2009 a 414 no presente exercicio de 2019. Así mesmo, engadiu que no último trienio –entre 2015 e 2018- os orzamentos autonómicos desta área aumentaron nun 19,4%.

0.21886110305786