A Xunta informa en Vilalba dos apoios que teñen a disposición dos empresarios
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Vilalba nun encontro con empresarios e emprendedores da comarca da Terra Chá no que se informou dos diferentes programas de apoio que están nestes momentos abertos á presentación de solicitudes, en eidos como o financiamento, o impulso á contratación ou a internacionalización.
Na súa intervención, Conde destacou o esforzo das empresas de Vilalba e, en concreto, da Asociación de Empresarios Polígono Sete Pontes e animounos a consolidar o seu traballo para conseguir un tecido máis cualificado, máis forte e mellor. Neste sentido, pediu a súa colaboración para seguir formando profesionais e contar cunha Galicia máis preparada; transformar a cultura dixital das empresas para ter unha Galicia máis innovadora; e xerar valor para potenciar a identidade da marca e lograr unha Galicia máis competitiva.
No eido da colaboración tamén destacou que Vilalba está en trámites para ser Concello Emprendedor, unha iniciativa que permite ofrecer incentivos ás empresas que queren asentarse, con máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso a solo industrial e máis incentivos fiscais, con bonificacións de ata o 95% nos impostos locais. A cambio, os Concellos Emprendedores teñen prioridade no acceso a convocatorias de axudas vinculadas co emprego, a formación, ou a modernización do tecido empresarial, entre outras.