A Xunta investiga os feitos que orixinaron a trifulca no partido do Vilalbés B co San Ciprián

TerraChaXa | AMariñaXa
O club suspendeu a festa de final de tempada prevista para este sábado
comision-investigacion-trifulca-vilalbes-b
A comisión que investiga o caso
11 Jun 2024

A Comisión Galega de Control da Violencia vén de abrir un período de información previa co fin de determinar coa maior precisión posible os feitos acaecidos o pasado domingo no campo da Fonte, en Cospeito, durante o partido de ascenso á Primeira Galicia da Real Federación Galega de Fútbol entre o R´cing Vilalbés B e o CD San Ciprián. Neste sentido pedirase información á Garda Civil, aos clubs implicados e á federación deportiva correspondente.

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Control da Violencia destacou a “unidade e o traballo conxunto” de todo o tecido deportivo en contra da violencia. Neste sentido informou da recepción de dous escritos dos clubs implicados no suceso amosando a súa condena do ocorrido e vontade de colaboración para esclarecer os feitos. Do mesmo xeito, o mandatario galego anunciou que xa tivo oportunidade de falar cos responsables da Real Federación Galega de Fútbol, xa que é a entidade que se ocupa do proceso disciplinario relativo ás persoas con licenza federativa (deportistas, árbitros, adestradores...) e que tamén reuniu ao seu comité de competición sobre este asunto nesta mesma mañá.

Lete Lasa apuntou ao finalizar á sesión que “toda conduta violenta será sancionada” e que “a postura da Xunta é inamovible: tolerancia cero coa violencia”.

Pola súa banda, o Vilalbés B anunciou como primeira medida a suspensión da festa de final de tempada prevista para este sábado no estadio Roca. A festa foi instaurada precisamente co ascendo do Vilalbés B a Segunda.

O programa contaba cunha gala e o posterior xantar pero o club alegou para a súa suspensión que "a gravidade do sucedido non é compatible neste momento con ningún tipo de celebración, e entendemos que se debe abrir un período de reflexión e análise a todos os niveis da entidade, comezando pola propia xunta directiva e continuando por todos os membros do club, xogadores, familiares, adestradores e afeccionados".

Engade a directiva do club que "o RC Vilalbés sempre se caracterizou por intentar transmitir una valores de deportividade, respeto e defensa dos valores esenciais no deporte, e así debe continuar a ser".

0.12418508529663