A Xunta investirá 267.000 euros na reforma do CEIP de Xermade
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade executará obras de mellora no colexio de educación Infantil e primaria (CEIP) de Xermade nas que investirá 267.500 euros.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou o centro para abordar os detalles da actuación con membros do equipo directivo. Explicou que os traballos xa saíron a licitación na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e o prazo para presentar ofertas segue aberto ata o vindeiro xoves.
O proxecto incide na mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade. Contempla a substitución das ventás do edificio principal, que alberga as aulas; e dúas fiestras dun baño do comedor, situado nun inmoble secundario. Instalaranse novas carpinterías de aluminio con sistema de apertura oscilobatente, dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e con cámara de aire intermedia.
Tamén está previsto reparar a fachada do patio interior da construción principal, incluída a renovación de canlóns e baixantes das augas pluviais. Instalarase ademais unha pérgola de conexión entre os dous edificios do CEIP para protexer das inclemencias meteorolóxicas e reformaranse os baños do comedor.
Arias sinalou que unha vez que se inicien as obras o prazo de execución estimado será de dous meses e medio. En calquera caso, destacou que se planificarán de xeito que non incidan no normal desenvolvemento da actividade escolar.
Tamén apuntou que as obras da Xunta nas infraestruturas escolares seguen os criterios establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que aposta polos espazos abertos e multifuncionais, pola transformación dixital e pola configuración de espazos máis accesibles e inclusivos.