A Xunta inviste 129.000 euros na estrada LU-934 ao seu paso por Friol

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destina 129.000 euros a acondicionar a estrada autonómica LU-934 ao seu paso por Friol, nun treito de case un quilómetro que abrangue a travesía da localidade.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou a zona para comprobar a marcha dos traballos, que xa están a finalizar co repintado da sinalización horizontal.
A intervención desenvolveuse na zona urbana, no tramo delimitado polas glorietas situadas nos puntos quilométricos 0+700 a 1+680. Realizouse o fresado do pavimento en ambos carrís de circulación e executouse unha nova capa de rodaxe con mestura asfáltica en quente, incluídas as dúas rotondas.
No relativo ás marcas viarias, estas estanse a renovar nun treito máis amplo, dende o principio da estrada (pq 0+000) no acceso á localidade de Friol.
O delegado explicou que as obras foron financiadas con cargo ao contrato de mantemento das estradas da zona norte da provincia de Lugo.
Enmarcou a actuación no compromiso da Xunta coa conservación da rede de vías autonómicas, unhas infraestruturas esenciais para garantir a vertebración dos concellos lucenses.