A Xunta inviste na mellora das infraestruturas de dous polígonos industriais das Pontes

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao concello das Pontes para comprobar o resultado das obras de acondicionamento dos polígonos industriais de Penapurreira e Os Airíos executadas co apoio do Goberno galego.
O Concello das Pontes é un dos municipios do ámbito da Delegación Territorial beneficiarios das axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas nos seus parques empresariais da Consellería de Economía e Industria. En concreto, percibiu dúas achegas por valor de máis de 120.000 euros, unha para a pavimentación da vía 2 e sinalización horizontal no polígono dos Airíos e outra para a mellora da sinalización horizontal no parque de Penapurreira.
Estas axudas, destinadas a entidades locais, contan este ano cun orzamento de 3,45 M€. Cobren ata o 80% do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as conxuntas.
A convocatoria recolle como actividades subvencionables a implantación de melloras na iluminación pública, plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias tanto de acceso como interiores ao parque empresarial ou servizos centralizados de subministración de gas ou hidróxeno. Como novidade, este ano tamén se poden destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos dos parques empresariais para contribuír á súa integración paisaxística.