A Xunta licita a redacción do proxecto de integración do PAC de Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A obra permitirá que o Punto de Atención Continuada se integre co centro de saúde a través dunha ampliación de 557 m2
centro-saude-outeiro-de-rei
Centro de saúde de Outeiro de Rei
29 Xuño 2024

A Xunta publicou no Portal de Contratos de Galicia, a licitación da contratación por 72.135,63 euros dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do proxecto de integración do Punto de Atención Continuada (PAC) no centro de saúde de Outeiro de Rei.

A ampliación deste centro de saúde da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos figura na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta. Na diagnose do Plan, priorizouse a necesidade asistencial de integrar estes dous puntos de asistencia sanitaria nun mesmo espazo, así como de ampliar os espazos do actual PAC, situado nun edificio construído en 1981 como casa do médico e con dimensións e distribución pouco funcionais para o seu uso sanitario.

Nese sentido, formulouse un plan funcional que prevé unhas novas instalacións de 557,8 m2 de xeito anexo ao actual centro de saúde. Isto permitirá albergar un PAC cun maior tamaño das consultas de medicina e enfermería e da sala de observación que alberga o box de críticos, así como a incorporación de novos espazos, como unha sala polivalente ou vestiarios, ademais de integrar tamén a base da ambulancia localizada.

Esta obra é posible grazas a que Xunta e Concello de Outeiro de Rei asinaron o protocolo de colaboración para a execución destes traballos, que daba cobertura legal ao Concello para comezar o proceso de adquisición da parcela lindeira ao actual centro de saúde, e comprometía á Xunta de Galicia a executar as obras unha vez posta a disposición a parcela necesaria.

A redacción do proxecto básico ten un prazo de execución de mes e medio desde a formalización do contrato e, a continuación, a redacción do proxecto de execución ten un prazo de dous meses e medio desde a aprobación do proxecto básico.

As empresas interesadas no contrato teñen de prazo o 15 de xullo para a presentación de ofertas.

0.14893484115601