A Xunta licita o proxecto de ampliación do polígono de Meira
A Xunta licitará proximamente a redacción do proxecto de ampliación do polígono industrial de Meira coa intención de iniciar este mesmo ano as obras, para as que existe unha partida orzamentaria de 515.000 euros.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará 39.800 euros á licitación do proxecto. Nesta nova fase de urbanización e electrificación do parque empresarial actuarase sobre unha superficie total de 23.900 m2, dos que 15.000 serán superficie industrial e o resto zona verde e vías de comunicación.
Está previsto sumar tres parcelas cunha superficie mínima de 5.000 metros cadrados, que é a dimensión que se establece para esta zona do parque.
Actualmente o polígono ocupa unha extensión de preto de 66.000 m2 e conta con 35 parcelas, todas elas vendidas. Debido á demanda que existe de solo industrial na zona, a Administración autonómica levou a cabo os trámites necesarios para conseguir os terreos necesarios para a ampliación mediante compravenda e expropiación.
O obxectivo da Xunta é “favorecer a implantación de empresas ofrecendo solo industrial a prezos competitivos e con todos os servizos e infraestruturas que precisen, de modo que poidan traballar e medrar dende calquera comarca da provincia”.