A Xunta mobiliza 19 millóns en actuacións para mellorar os sistemas de abastecemento

A Xunta de Galicia mobiliza investimentos por case 19 millóns de euros a través da planificación, impulso e execución de aquí a 2029 dun paquete de actuacións hidráulicas destinadas a ampliar o servizo público de abastecemento, renovar redes e conducións deterioradas ou moi antigas, reducir avarías e posibles fugas e reforzar a seguridade dos sistemas.
Segundo explicou hoxe en Friol a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, as actuacións previstas beneficiarán a un total de 23 concellos e a unha poboación estimada de 410.000 habitantes. Máis polo miúdo, a conselleira sinalou que máis da metade dese orzamento (10,1 millóns de euros) son para financiar proxectos na provincia de Lugo. En concreto, actuarase nos municipios lucenses de Friol, Pantón, Vilamarín, Ribadeo, Trabada e Sober. Os demais concellos nos que se acometerán actuacións son A Estrada, Arbo, Cangas, Castrelo de Miño, Esgos, Gomesende, Leiro, Moaña, Mos, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior, Valdoviño, Vigo, Vilaboa e Vilarmaior.
De feito, esta mañá a conselleira asinou co alcalde de Friol, José Ángel Santos, o convenio de colaboración para dotar de abastecemento de auga potable á parroquia de San Paio de Seixón. En concreto, tal e como dixo Ángeles Vázquez, destinaranse máis de 620.000 euros, que financiará nun 80% a Xunta mentres que o 20% restante aportarao o Concello, a unha actuación que beneficiará a máis de 70 vivendas, a diversas explotacións gandeiras, así como a varios negocios hostaleiros e de turismo.
As obras consistirán na construción dun novo depósito na Abelaira de 105 metros cúbicos e da canalización de captación. Tal e como dixo Ángeles Vázquez, esta actuación, que será cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) garantirá que a auga que se consuma reúna as condicións necesarias de calidade e seguridade e, ao mesmo tempo, contribuirá a reforzar a resiliencia do sistema municipal fronte a períodos de seca.
Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor que “a colaboración é clave para seguir prestando os mellores servizos públicos á cidadanía” e sinalou que o apoio de Augas de Galicia aos concellos é proba desa cooperación entre administracións.
Apoio a un servizo municipal básico
No caso do abastecemento de auga, é un servizo municipal básico que debe prestarse con garantías de calidade, continuidade e seguridade en todo o territorio. Esta necesidade resulta máis complexa en Galicia, que supera os 30.000 núcleos de poboación (máis da metade dos que hai en toda España), e con zonas rurais que aínda non dispoñen de rede pública ou teñen unha moi antiga, o que fai necesario seguir investindo na ampliación e renovación dos sistemas, mediante o apoio de Augas de Galicia aos concellos competentes.
Nesa liña, sinalou que a maioría das actuacións que está a financiar o Goberno galego teñen por obxectivo solucionar problemas como a falta de abastecemento público, as avarías en tubaxes antigas, as perdas de auga, as presións inadecuadas e a vulnerabilidade dalgúns sistemas ante incrementos estacionais da poboación ou en períodos de escaseza.
Trátase de intervencións -algunhas xa remadas e outras en marcha ou en diferentes fases de tramitación- que se enmarcan dentro da estratexia de Augas de Galicia para promover a modernización das infraestruturas que garanten un abastecemento seguro, eficiente e de calidade. Así, estas obras aseguran a continuidade do subministro, minimizan os riscos para a saúde —mediante a mellora da calidade da auga— e reforzan a resiliencia e a capacidade de regulación dos sistemas fronte ás novas demandas.