A Xunta mobiliza máis de 760.000 euros para impulsar melloras en infraestruturas e servizos en Begonte

A Xunta de Galicia continúa impulsando diferentes actuacións en Begonte cun investimento que supera os 760.000 euros, destinado a mellorar infraestruturas municipais, servizos sociais e distintos equipamentos do municipio.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo este luns un encontro institucional co alcalde, José Ulla, no que repasou os principais proxectos en marcha e os novos investimentos promovidos polo Goberno galego.
Entre as actuacións máis destacadas figura unha achega próxima aos 160.000 euros para o acondicionamento de camiños rurais municipais a través das convocatorias correspondentes aos bienios 2025-2026 e 2026-2027. A esta cantidade súmanse 34.000 euros para mellorar a accesibilidade da escola de música de Baamonde e 30.000 euros destinados á substitución dun muro do Belén de Begonte, un dos principais referentes patrimoniais e turísticos do municipio.
Ademais, a Xunta financia con 544.552 euros o obradoiro de emprego 'Cumes da Terra Chá IX', compartido por Begonte, Rábade e Friol, cuxo alumnado está a executar obras de mellora nos primeiros 500 metros da Avenida de Galicia.
Durante a reunión tamén se repasaron outras actuacións desenvolvidas en colaboración co Concello, entre elas a ampliación do local social de Carral, a iluminación artística da contorna da igrexa parroquial de Santiago de Baamonde, a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións do campo de fútbol de Pacios, a adecuación do aparcadoiro situado xunto á igrexa dos Milagres de Saavedra e traballos para evitar infiltracións na rede de saneamento.
No ámbito social, Villares destacou o incremento da financiación destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que alcanza os 544.000 euros, unha contía que supón aproximadamente un terzo máis que a consignada o ano anterior para este servizo en Begonte.