A Xunta pagará antes de que remate este mes máis de 80 millóns de euros do anticipo da PAC a 50.000 beneficiarios
A Consellería do Medio Rural fará efectivos, antes de que remate este mes, o pago de máis de 80 millóns de euros correspondentes ao anticipo da PAC da campaña 2017 que chegará a uns 50.000 beneficiarios. Así o anunciou a titular do departamento, Ángeles Vázquez, na visita a unha explotación de carne de vacún na localidade luguesa de Friol.
A conselleira explicou que esta mesma semana está previsto o abono de algo máis de 34 millóns de euros correspondentes ao vacún de leite e vacas nutrices. No primeiro caso serán 7.672 beneficiarios cun importe de 24.758.651,60 euros e no das vacas nutrices os beneficiarios son 8.601, cun importe de 9.275.891,43 euros.
A vindeira semana pagaranse outros 46 millóns de euros, correspondentes a pago básico (uns 29,5 millóns de euros), pago verde (15 millóns), incorporación de mozos (86.800 euros) e pequenos agricultores (1,7 millóns). No que respecta ao número de persoas, por pago básico haberá 14.814 beneficiarios, outros 14.762 de pago verde, ademais de 128 mozos e 3.599 pequenos agricultores.
Ángeles Vázquez salientou que este adianto das achegas da Política Agrícola Comunitaria pretende tamén axudar a facer fronte aos problemas derivados da seca que está padecendo o sector. Súmase así ás axudas xa aprobadas e para garantir a subministración de auga ás explotacións agrícolas e gandeiras por valor dun millón de euros e para as que está aberto o prazo de solicitude.
Pastos afectados por lumes
A titular de Medio Rural sinalou que aproximadamente o 98% das axudas do 2016 están xa aboadas e anunciou que o seu departamento traballa para que a PAC non exclúa dos pagos determinados pastos afectados polos incendios forestais, debido á situación de excepcionalidade vivida.
Neste sentido, vén de facerse unha consulta ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura, para lograr unha excepcionalidade que permita aos gandeiros cobrar a estas achegas en certos pasteiros queimados. O FEGA xa ten contestado e indica que terá en conta as consideracións realizadas desde Galicia á hora de xestionar os cobros destes fondos europeos.
Ángeles Vázquez fixo estas declaracións nunha vista á explotación vacún en Friol con máis de 400 animais entre vacas e crías e que recibiu varias axudas dos plans de mellora desta consellería para mellorar as instalacións da súa granxa como un cortello de cebo para os xatos, varias plataformas para o silo, ademais dun almacén de aberto.