A Xunta pon no mercado unha ducia de locais comerciais da súa propiedade en catro concellos chairegos
A Consellería de Infraestruturas e Vivendas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGV) dispón de 37 locais comerciais repartidos en distintos concellos da provincia de Lugo que supoñen un valor total de 1,5 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a intención da administración autonómica é a de poñer progresivamente no mercado estes baixos a disposición de empresas, colectivos ou particulares interesados na súa compra ou alugueiro.
De atopar saída para todo este patrimonio inmobiliario obteríanse múltiples vantaxes: Por unha banda, para a propia administración, xa que logo a Xunta consigue xerar ingresos; pola outra, os novos propietarios obterían un local a un prezo especial co que impulsar a súa actividade e, incluso, xerar novas oportunidades de emprego.
12 locais en catro municipios chairegos
No caso da provincia de Lugo a Xunta quere pór no mercado os 37 locais. Deles 17 atópanse en Lugo, seis na localidade de Meira, tres en Chantada e tres en Vilalba, dous na Pastoriza e tamén dous en Foz e, finalmente, cun só local dispoñible hai catro concellos máis: Ribadeo, Viveiro, Guitiriz e Sarria.
Aínda que existen locais con multitude de características diferentes, a inmensa maioría deles están radicados en promocións de vivendas ou espazos públicos relacionados co Instituto Galego de Vivenda e Solo tales como promocións de vivendas sociais ou antigas sedes do organismo. A superficie media é de 103 metros cadrados.
Dispoñibles no mercado en venda ou alugueiro
O delegado territorial explica que todos estes locais teñen unha dobre opción de acceso: a compra ou o alugueiro, a petición dos interesados, aínda que os que opten pola venda terán preferencia.
Balseiro explicou tamén que a poxa é a única fórmula con que poden pór no mercado estes baixos, pois a lexislación actual "establece que a baixos propiedade do IGVS non se poden adxudicar directamente máis que a outros organismos da Administración ou entidades sen ánimo de lucro".
O procedemento tamén moi sinxelo, unha vez que se determine a data na que terá lugar a celebración da poxa a administración fixa un prezo mínimo de aluguer/venda anual para cada baixo comercial e os interesados deberán realizar unha oferta en sobre pechado para cada un deles. A máis alta levará o contrato durante cinco anos, prorrogables anualmente.
A Xunta agarda recadar polo menos 57.549,43 euros ao ano polas rendas, e os prezos de alugueiro medio oscila entre os 5 e 45 euros metro cadrado, en función da localidade e a situación na que se atopa o local. O valor de venda dos mesmos, como xa se indicou sería dun mínimo de 1,5 millóns de euros.