A Xunta prevé licitar este ano as obras de mellora da LU-170 en Xermade, que se executarían en 2027

TerraChaXa
A contestación da administración autonómica chega despois da petición formulada por Rodríguez Patiño, que denunciara o "moi deficiente" estado de conservación da estrada
estrada-perigo-lu-170-cabreiros-parga
5 Oct 2026

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) prevé licitar antes de que remate este ano as obras de reforzo do firme da estrada LU-170 ao seu paso polo Concello de Xermade, cuxa execución está prevista para 2027. Así o comunicou a administración autonómica en resposta á solicitude presentada o pasado 15 de setembro polo cura párroco de Momán, Luis Ángel Rodríguez Patiño, na que reclamaba a reparación e acondicionamento da vía, especialmente no contorno do punto quilométrico 20.

Na resposta, a AXI sinala que realizou inspeccións sobre o estado do firme de diversas estradas autonómicas, entre elas a LU-170, e que, tras analizar os resultados, redactou varios proxectos destinados á mellora das vías que presentan deficiencias. Entre eles figura o proxecto denominado «Reforzo de firme nas estradas LU-862, LU-161, LU-170 e LU-539», que foi aprobado recentemente pola Axencia Galega de Infraestruturas.

No caso da LU-170, o proxecto contempla actuacións de mellora do firme no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 18+230 e 23+260, unha zona que inclúe o contorno do quilómetro 20 polo que se interesaba especificamente a solicitude presentada desde Momán.

A contestación da administración autonómica chega despois da petición formulada por Rodríguez Patiño, que denunciara o "moi deficiente" estado de conservación da estrada en determinados tramos, con presenza de fochancas, deformacións e deterioros do pavimento que, segundo indicaba, dificultan a circulación e xeran preocupación entre as persoas usuarias.

O escrito lembraba tamén as mobilizacións realizadas para reclamar unha solución. En 2024 xa se producira unha protesta polo estado da vía e o pasado 16 de xullo, coincidindo coa festividade da Virxe do Carme, celebrouse unha nova misa reivindicativa no punto quilométrico 20 da LU-170, en Momán, coa participación de veciños e veciñas da zona.

Na súa solicitude, o párroco reclamaba unha inspección técnica da estrada, a adopción de medidas para garantir unhas condicións adecuadas de seguridade e circulación e unha actuación integral nos tramos máis deteriorados. Tamén pedía información sobre os proxectos e expedientes existentes, os prazos administrativos e o calendario previsto para as obras.

0.11840200424194