A Xunta reforza o servizo de axuda no fogar cun investimento adicional de preto de 3 millóns de euros na provincia
A Consellería de Política Social vén de anunciar un novo aumento do Servizo de Axuda no Fogar a persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal (SAF Dependencia) que se vén de facer efectivo a partir deste mesmo mes de setembro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, anunciou que na provincia o incremento tradúcese nun aumento da partida orzamentaria de 2,9 millóns de euros, repartidos en 25.710 horas adicionais de prestación mensuais, o que supón que, cada ano, se porá a disposición dos concellos 308.515 horas complementarias no Servizo de Axuda no Fogar. Deste xeito, a partires de setembro estarán a disposición dos concellos 148.917 horas mensuais (horas actuais máis incremento).
Un 47% máis de usuarios
Con esta medida, a Xunta responde ás necesidades de novos usuarios dos concellos e que están pendentes de atención, habilitando a atención adecuada ás persoas demandantes con base tanto nas súas necesidades actuais como na súa situación económica.
Estes novos beneficiarios do SAF sumaranse ás 2.876 persoas da provincia que ata o de agora viñan recibindo esta axuda, aumentando en máis de 1.352 persoas os potenciais beneficiarios, un 47% de incremento. Deste xeito, o Executivo autonómico confire un novo impulso ao Sistema para a autonomía e a atención á dependencia (SAAD) e, en especial, a este servizo. Ademais, este novo aumento nas horas de SAF Dependencia á disposición dos concellos leva unido un incremento do financiamento estimado.
A opción preferidas polas persoas maiores
Balseiro salientou a boa valoración deste servizo, prestado polos concellos e financiado pola Xunta, xa que as persoas en situación de dependencia e os seus familiares e coidadores prefiren esta fórmula que permite envellecer debidamente atendido e vivir na casa. As recomendacións dos expertos e dos organismos internacionais defenden tamén dar prioridade nos sistemas de atención a aqueles recursos que permiten facer efectiva esta opción. Apuntou que “o servizo público de axuda no fogar é o recurso máis demandado pola poboación maior”.
“O incremento de financiamento e das horas dispoñibles obedecen ao compromiso do Goberno galego de propiciar a atención adecuada ás persoas solicitantes en base ás súas necesidades” indicou Balseiro. Este novo reforzamento do servizo de axuda no fogar converte a Galicia na primeira Comunidade Autónoma en canto á porcentaxe de persoas atendidas a través deste servizo sobre o total das prestacións recoñecidas.