A Xunta salienta que "a ampliación da tarifa plana e o bono autonómico facilitan o inicio e consolidación da actividade económica"

TerraChaXa
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou este xoves na cidade lucense nunha xornada informativa sobre as liñas de financiamento para empresas e emprendedores da Xunta na que puxo en valor, entre outras ferramentas, a Estratexia Autónomo 2020 que, cun orzamento de 160 millóns de euros para os vindeiros catro anos, pretende axudar a 40.
Covadonga Toca durante unha xornada informativa sobre as liñas de financiamento para empresas e emprendedores da Xunta.
28 sep 2017

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou este xoves na cidade lucense nunha xornada informativa sobre as liñas de financiamento para empresas e emprendedores da Xunta na que puxo en valor, entre outras ferramentas, a Estratexia Autónomo 2020 que, cun orzamento de 160 millóns de euros para os vindeiros catro anos, pretende axudar a 40.000 persoas pertencentes a este colectivo.

Toca explicou que a Xunta está a poñer ao alcance deste sector as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo. A folla de ruta inclúe 20 medidas a día de hoxe practicamente executadas ao 100%: 9 de cada 10 euros dos fondos previstos nesta planificación, dotada con 40 millóns ano ano, xa están activados e nas próximas semanas completaranse coa posta en marcha doutras medidas como as axudas para colaborar na conciliación da vida familiar tras o permiso de maternidade ou paternidade ou o programa de relevo xeracional para garantir a continuidade dos negocios que son solventes e favorecer a incorporación da mocidade ao emprego autónomo.
Outras medidas ás que se referiu a secretaria xeral e que neste caso xa están en activo son o Bono e a Oficina do Autónomo e a tarifa plana. Con respecto, ao Bono lembrou que está destinado a axudar a consolidar os negocios cunha axuda máxima de 3.000 euros para os traballadores que leven, polo menos, 42 meses de actividade para reforzar a profesionalización do seu negocio e a mellora da competitividade.
A tarifa plana, pola súa banda, beneficiará con 3 millóns a 6.000 persoas, que poderán manter durante medio ano máis a cota reducida á Seguridade Social pagando, deste xeito, só 50 euros durante o seu primeiro ano de actividade. A Oficina do Autónomo recolle todos os servizos destinados aos autónomos converténdose nun punto de información e de xestión integrado, “unha verdadeira oficina virtual” que conecta coa sede electrónica da Xunta.
A secretaria xeral de Emprego tamén salientou o novo programa do Goberno galego destinado a impulsar a formación e a contratación dos menores de 30 anos sen emprego. Trátase dunha experiencia piloto pioneira na Comunidade, xa que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.
Para iso, a iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe, segundo explicou Toca, axudas a través dun bono de 7000 euros. Deste forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario.
Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilitades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas.
Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5000 euros -tamén por participante- para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.
Apoio ás mulleres
A secretaria xeral de Emprego referiuse, por último, a Emprega en feminino, un novo programa da Xunta que, con 100 millóns de euros ata 2020, busca desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral. Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional; o seu desenvolvemento; a igualdade na empresa; e apoiar o emprendemento.
Toca apuntou que o eixo do emprendemento inclúe a posta en marcha dun banco de ideas para novas iniciativas empresariais e o fomento da titularidade feminina en entidades de economía social. Reforzarase, ademais, o apoio ás iniciativas femininas na promoción do emprego autónomo e da economía social.
Toca indicou que estas medidas forman parte da Axenda 20, coa que a Xunta impulsa en Galicia a creación de emprego estable e de calidade, dando prioridade nos seus programas e axudas aos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo. Así mesmo, apuntou que esta planificación inclúe outras axudas e incentivos dirixidas ás empresas para a contratación indefinida e para que poidan seguir crecendo e afirmou que grazas ás políticas activas de emprego que desenvolve a Xunta, o mercado laboral estase mellorando cunha tendencia positiva, tal e como o reflicten as estatísticas.

0.18172407150269