A Xunta somete a información pública o Plan reitor das Fragas do Eume

TerraChaXa
A Xunta somete a información pública o Plan reitor das Fragas do Eume, que inclúe máis do 40% da superficie do parque en máxima protección
fragas do eume as pontes
30 Nov 2022

As persoas e entidades interesadas teñen ata o vindeiro día 29 de decembro para presentar as súas achegas, suxestións e comentarios ao contido do documento.

A Xunta somete dende hoxe a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume, un documento de planificación e ordenación que ten como obxectivo garantir a conservación dos valores, hábitats e especies de flora e fauna polos que este territorio acadou dito recoñecemento e no que máis do 40% da superficie do parque aparece incluído na zona de maior protección.

A tal fin, o PRUX propón modificar e actualizar a zonificación do parque recollida no Plan de ordenación dos recursos naturais do ano 1996 para, por un lado, harmonizala á do resto de espazos recoñecidos con esta figura e por outro, axustar os límites de cada zona en busca da compatibilidade entre a conservación dos recursos naturais e as distintas actividades que se desenvolven nas mesmas.

Deste xeito, proponse dividir a superficie do espazo natural en catro grandes áreas: a zona I de reserva, que inclúe aqueles espazos que requiren dun alto grao de protección; a zona II de uso limitado, constituída por áreas que requiren dunha maior protección por albergar valores naturais de excepcional rareza, interese ou fraxilidade; a zona III de uso compatible, na que se inclúen ámbitos cun valor de conservación medio por integrar no territorio certo nivel de humanización, principalmente por actividades tradicionais agrícolas e plantacións forestais tamén tradicionais; e a zona IV de uso xeral, cun importante nivel de urbanización e que inclúe os núcleos rurais e as vías asfaltadas.

As dúas primeiras, coincidentes con aqueles espazos de alto valor natural e paisaxístico e con maiores necesidades desde o punto de vista da protección, abranguen máis do 40% da superficie total das Fragas do Eume, un dato que reflicte que no PRUX a conservación da riqueza natural prima sobre calquera outra actividade que acolla este territorio.

Ademais, o plan desenvolverase a través de catro programas de actuación centrados na protección dos seus valores naturais, paisaxísticos e culturais, na promoción da investigación no territorio, na xestión do uso público para goce dos seus visitantes e na mellora e mantemento das infraestruturas e equipamentos do espazo natural.

Considerando os obxectivos establecidos e de acordo coas previsións de usos e aproveitamentos do parque natural para a próxima década, o plan económico do PRUX prevé un investimento de, como mínimo, 2 millóns de euros.

As contías incluídas no plan, con todo, non inclúen todos os investimentos previstos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na zona. De feito, ademais dos gastos fixos e daqueles correspondentes ao persoal que traballa no parque, tamén cómpre lembrar que, cada dous anos, se convoca unha orde de axudas dirixida a subvencionar actuacións, de iniciativa pública ou privada, que contribúan á posta en valor dos parques naturais galegos.

O sétimo PRUX

As persoas e entidades interesadas terán ata o vindeiro 29 de decembro para presentar as súas achegas, suxestións e comentarios ao contido do documento, que deste xeito dá un paso máis de cara á súa aprobación definitiva.

Tras superar a valoración da xunta reitora do Parque Natural o pasado 15 de novembro, o PRUX das Fragas do Eume encara agora a recta final da súa tramitación, que ademais de someterse a información pública e superar o trámite de audiencia, deberá ser informado tamén polo Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible, como paso previo á súa aprobación por parte da Xunta.

Deseñado cunha vixencia dunha década, o plan reitor das Fragas do Eume será o sétimo que sairá adiante nos últimos anos. Así, en 2018 foi aprobado o do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia; un ano despois sumáronse os dos parques ourensáns de Serra da Enciña da Lastra e do Invernadeiro; en 2020 tocoulle a quenda ao PRUX do Monte Aloia; no 2021 aprobouse o do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e, finalmente, o pasado mes de febreiro ratificouse o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do Xurés.

Coa aprobación do PRUX das Fragas do Eume darase un paso definitivo de cara a lograr que os seis parques naturais e o único parque nacional de Galicia dispoñan dun instrumento propio de xestión, deseñados acorde ás características e necesidades específicas de cada un deles e chamados a clarificar nun mesmo documento as posibilidades de actuación a través da regulación das actividades e dos usos permitidos.

0.20149207115173