A Xunta subvencionará as prazas de comedor na EEI de Vilalba
O Goberno galego vai renovar o convenio de colaboración asinado co Concello de Vilalba para o financiamento do servizo de comedor escolar durante os próximos dous cursos 2022/23 e 2023/24.
No caso concreto da Escola de Educación Infantil de Vilalba beneficiaranse 45 usuarios (tres menos).
No marco destes convenios de colaboración, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, os concellos comprométense á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.
No presente curso escolar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén convenios de colaboración con 17 concellos de Galicia, a través dos cales financia os menús de 4.802 usuarios de 49 centros públicos. A maiores, tamén destina axudas a Anpas para a xestión de 167 comedores que suman outras 9.886 prazas, mentres que os convenios a entidades de atención á diversidade acadan os 18 para 508 comensais.
Non obstante, a maior parte dos comedores escolares en Galicia están xestionados por parte da propia consellería, cun total de 417 que atenden 62.375 usuarios. Cómpre lembrar que no caso destes comedores escolares, o 80,35% dos usuarios teñen o servizo totalmente de balde ou pagando tan só un euro, mentres que a contía máxima de 4,5 euros/día a aboa un 14,42% dos usuarios. Esas cifras confirman que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e accesibles para as familias de todo o Estado español.